Os 104 maios de Teresa

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

CEDIDA

A Carpinteira é unha das avoas de Rianxo e, superado o centenario, segue a facer gala dunha forza formidable para afrontar os achaques

14 may 2021 . Actualizado a las 18:34 h.

«De hoxe nun ano» foi o brinde co que Teresa Martínez Rodríguez, a Carpinteira, emprazou aos seus hai doce meses á seguinte cita para celebrar un novo aniversario, e co desde 2021 van xa 104 maios nos que esta veciña de Asados, en Rianxo, sopra as velas. A pesares do coronavirus e dos achaques que comezan a afectarlle, segue a facer gala dunha forza formidable para seguir acumulando primaveras.

Di a súa neta que xa lle gustaría a ela ter a fortaleza da Carpinteira, que a pesar de encarar a vida con bo humor, tivo que superar moitos golpes e traballar arreo. «Nunca se queixou, é un exemplo a seguir. É unha loitadora», di a súa familia, que lembra que nos seus 104 anos Teresa perdeu no camiño dous fillos e un neto.

Houbo un tempo no que os seus aniversarios se festexaban por todo o alto en restaurantes, con toda a familia reunida. Pero o coronavirus interpúxose nesas celebracións e agora sopra as velas na casa e rodeada dos máis achegados. Este ano, ademais, Teresa estase a recuperar dun achuchón que lle deu o mes pasado e que fixo fraquear a saúde de ferro que sempre tivo. Hai un ano, en pleno confinamento, facía ximnasia na casa a diario para manterse en forma e mostraba nas redes sociais unha axilidade asombrosa. Agora, reúne forzas para seguir sumando maios.