Sátira romántica

Lía Figueiras

RIANXO

26 ene 2018 . Actualizado a las 18:06 h.

Esa mañá espertamos abrazados. Máis ben, el abrazábame mentres eu facía todo o posible por respirar. Tentei apartarme, liberarme dos seus brazos. Desexaba escapar sen correr, pero escapar. Canto máis tentaba que a súa incrible forza, froito da súa posesividade inconsciente, me soltase, el máis forte me retiña. Mireino detidamente, primeiro con desesperación, logo con repugnancia. Os seus ollos lagañosos, a súa cute suada e o seu pelo graxento estaban transformando toda a atracción en repulsión. Talvez por mor do meu escrutinio, el á fin espertou. Miroume aos ollos nun errado intento de parecer encantador e, mentres me acariñou unha meixela coa súa enorme e pesada man, murmurou:

-Quérote.

Ao que soamente puiden responder:

-Bo día.

«Mañás así, quen as tivera...». Segundo o cine, a literatura e os saberes populares deberíamos desexar (con certo grao de desesperación) espertarmos ao lado da nosa parella e darnos conta de que, mentres nos aperta, sorrí en soños. Finalmente, deberiamos espertala cun doce bico, acompañado, necesariamente, das frases máis elocuentes usadas nas películas románticas do cine estadounidense.

A propósito, gustaríame facer un pequeno inciso no cine americano. Que sería do romanticismo na actualidade sen o noso queridísimo drama yankee? Viviriamos na busca constante «dunha perfecta e dramática» historia de amor?... Talvez debería seguir con este tema outro día.

Podo asegurar que non encontramos ningún tipo de oposición escrupulosa a esta optimista «realidade». Parece que non existe o mal alento matutino, os cabelos enguedellados, a suor fría e pegañenta e, por suposto, o noxo absoluto. Parece que os actores e actrices hollywoodenses espertan radiantes e espléndidos todas as mañás, como se non levasen horas e horas maquillándoos antes da posta en escena. E cando se miran aos ollos non poden evitar namorarse aínda máis, coma se unicamente fose posible, coma se todas as frases elocuentes e «orixinais» que levan hora e media de película repetindo en bucle non fose suficiente.

Sinto irme do tema, o amor real, os espertares de domingo media hora antes de que sexa a hora de xantar, a cama revolta e absolutamente desfeita, as sabas vellas e suadas, un abafador fedor a humanidade, e dous humanos totalmente imperfectos capaces de quererse. Isto é o amor, señores e señoras. O amor é forza para soportalo e imaxinación suficiente para pensar que é perfecto.

-Bos días.

Lía Figueiras

É alumna do IES Félix Muriel de Rianxo. Estuda o Bacharelato Científico, pero soña con facer algo orixinal no mundo da arte, a literatura, a música, o cine ou a filosofía.