Outón e Outeiro

Isabel Santos

OUTES

A miúdo, os apelidos que levamos teñen a súa procedencia nun lugar habitado por un devanceiro en tempos imprecisos da propia historia familiar. Dunha compañeira da infancia recordo o apelido Outón, do que tamén existe a variante Doutón (do Outón). Sen dúbida, ela, que procedía da Serra de Outes, debíalle o Outón a un antepasado propio, veciño do mesmo concello da Serra, ou doutro núcleo de Porto do Son. A orixe do topónimo está no latín vulgar altu, que no portugués dá outão, co significado de «parte máis elevada dun terreo». O nome de lugar Outeiro, moito máis abondoso nos nosos concellos que Outón, procede da raíz próxima en significado altariu, considerada específica do latín español occidental. Malia que nos nomes de lugar mantemos con bastante respecto o étimo latino, nos apelidos existe unha constante deturpación que transforma Outerio en Otero.