Vázquez Ares

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

NOIA

Mateo Vázquez Ares, en la iglesia de Asados.
Mateo Vázquez Ares, en la iglesia de Asados. DANI GESTOSO

«Son os apelidos dun mozo que vemos como promesa do toque manual de campás de corenta campanarios entre os que están os da Concatedral de Vigo, igrexas de Rianxo ou Noia, da Pobra do Caramiñal e moitos outros»

09 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Son os apelidos dun mozo que vemos como promesa do toque manual de campás. Con 16 anos, Mateo Vázquez Ares toca manualmente as campás de corenta campanarios entre os que están os da Concatedral de Vigo, igrexas de Rianxo ou Noia, da Pobra do Caramiñal e moitos outros.

Xa en si é unha nova espectacular para este oficio que esmorece dende que se colocaron martelos electrificados nos campanarios, pero este rapaz ademais fai falar ás campás, tanto nos ritmos e toques clásicos de festa, funeral ou morte, como a ritmo de muiñeira, de iota, pasodoble ou chachachá.

Demostrouno este fin de semana no primeiro congreso sobre toque manual de campás que se celebrou en Galicia na igrexa parroquial de Cereixo, municipio da Estrada. Foi subir el ao campanario e alterou os ritmos que outros campaneiros estaban tocando, con toques que fixeron tremer as campás, que impulsaron os latidos dos corazóns das case cen persoas que asistiron ao congreso.

É moi importante que alguén desa idade poida sentar canteira, ilusionar a xente moza que no futuro poida reemprazar ao colectivo, que ten unha media de idade de cincuenta anos. Temos case catro mil igrexas, e case todas teñen varias campás, pero unicamente setecentos campaneiros as fan soar manualmente, co corazón, que non é o mesmo que un sistema automatizado, sen alma, sen corazón, que máis se parece á intelixencia artificial que a un oficio artesanal.

Necesitamos centos de novos campaneiros mozos que aprendan os toques e vaian substituíndo aos maiores se queremos manter esta tradición que é patrimonio inmaterial da humanidade Unesco.