130 anos dun edificio simbólico

Cando se fixo o inmoble que acolle o Virxe do Mar converteuse en símbolo dun novo tempo


Mediado o século XIX, Noia, ao igual que outras moitas cidades e vilas, enxergaba un novo tempo nunha profunda metamorfose. O cambio significaba o nacemento dunha nova vila fóra do abafante cinto murado que ata ese momento concentrara toda a actividade política e socioeconómica. A apertura de novos espazos no exterior do vello recinto amurallado medieval, transforma estes lugares da vila en apropiados escenarios onde exhibir os novos símbolos do poder burgués.

Un papel principal dentro desas realizacións simbólicas vai corresponder á Casa do Concello. É este un dos edificios máis representativos da vila, emblema da mesma ata os nosos días. En Noia, o edificio que viña funcionando como Concello axiña vai considerarse insuficiente para a nova categoría administrativa da vila. Precísase agora unha edificación máis ampla e moderna, acorde cos novos tempos.

Ante a falta de espazo no antigo recinto amurallado e na ausencia dunha edificación axeitada, comeza a pensarse para o futuro Concello nun emprazamento extra muros nun edificio de nova planta. Xorde así a proposta do seu emprazamento na parte norte da vila, englobada dentro da ampla operación de reforma do espazo agrario e de bosque coñecido como Campo de San Francisco. A instalación neste lugar supuxo o desprazamento cara a este sector da vila do seu centro funcional administrativo, cunhas importantes repercusións urbanísticas.

Escolas Graduadas

A nova edificación rematarase, tal como figura na base do frontón que coroa a parte central do edificio, no ano 1889. Curiosamente, a súa dedicación primeira foi como Escolas Graduadas. Posteriormente, a partir do ano 1952, esa ocasional vocación educativa inicial fíxose definitiva ao albergar dende entón o Instituto de Ensino Medio e profesional Virxe do Mar.

O edificio proxectado para Concello representaba un novo xeito de entender a arquitectura e o mundo, e anunciaba claramente os novos tempos de rotunda preeminencia social da burguesía. A través do edificio do Concello, a vila expresaba a imaxe que ten de si mesma e que quere dar aos seus habitantes e visitantes.

A edificación destaca polos seus coidados materiais (perpiaño nos zócolos, recercos, esquinas, impostas e cornixas), polo seu emprazamento dominante mesmo fronte á nova estrada Santiago-Noia, e polo seu claro esquema compositivo e decorativo, moi en liña coa corrente ecléctica tan presente na arquitectura da segunda metade do século XIX. Caracterízase pola súa potente volumetría horizontal en dúas alturas marcadas por dúas finas liñas paralelas de cantaría, as liñas de imposta, que articulan e marcan a separación entre plantas, especialmente a fachada polo aspecto espido e depuración lineal dos seus muros en cachotaría revocada en branco, nos que a cantaría vista se emprega co fin de remarcar un volume central lixeiramente adiantado e acabado nun triangular frontón, na base do cal figura a data de remate do edificio, e dous laterais simétricos.

A nacente Alameda e Xardíns de Felipe de Castro constituían o escenario perfecto para o espléndido edificio de estilo clasicista ou académico, de gran rigor formal e sinxeleza, unido á monumentalidade que respondía perfectamente ás características que o estado buscaba nos edificios de nova construción: edificios que enaltecen e fan retoricamente propaganda dunha sociedade culta. Unha construción destinada a sorprender o visitante e a converterse no símbolo dun novo tempo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

130 anos dun edificio simbólico