Domingo Molinos: «Foi coma un flash, vin a vida pasar»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

BALOKO FOTOGRAFIA

Logo do accidente que sufriu en Noia fai cinco meses, volve ao asfalto no Rali da Ribeira Sacra que arranca esta tarde

20 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cinco meses despois, Domingo Molinos (Porto do Son, 1987) volverá a subirse a un Peugeot 208 R5. Acompañado do copiloto Alejo Souto, pechará o seu paso polo Campionato Galego participando no Rali da Ribeira Sacra. Logo do accidente en Noia, no que o coche caeu por un terraplén de 12 metros de altura tras dar varias volta de campá, o piloto da Escudería Berberecho quere reencontrarse coa súa gran paixón: a velocidade, o ruxido dos motores e a competición.

-Toca pechar un ano bastante complicado. Como afronta este último rali?

-Vimos dun accidente e sabemos que estamos aprendendo. Toca ir con cautela, sen extremar a velocidade e sen tomar riscos excesivos.

-Aínda se acorda do golpe.

-Foi bastante forte. E agora sabemos que temos que manter a concentración e ir rodando para coller ritmo de cara ao ano próximo, no que temos previsto facer o campionato galego completo. Hai que adaptarse, porque o cambio de coche foi moi grande en comparación cos que xa usara.

-Como espera este rali?

-É a nosa segunda cita do ano despois de ter que abandonar en Noia e decidimos correlo porque é unha proba moi cómoda, na que os tramos están moi preto, así coma a asistencia, o parque e o hotel. Facémolo para sentirnos cómodos de cara á próxima tempada.

-Que tal foi a recuperación?

-Déronme a alta o venres pasado. Levou máis tempo do que esperaba. Calculaban dous meses, pero foi máis complicado.

-A saúde é o primeiro.

-Así o penso eu tamén, non quixen arriscar. Preferín estar máis tempo parado, asistir a fisioterapeutas para chegar no mellor estado posible.

-Moita xente despois dun accidente comA o seu non volvería a correr. Que o leva a coller de novo un volante?

-A paixón. Pode que unha persoa que non ten paixón polo rali non o volvera a facer. Pero no meu caso, esa paixón supera ao resto, ao respecto, ao medo, como o queiras chamar. Se non a sentira teño claro que non volvería a correr.

-Que é o mellor do mundo do motor para vostede?

-Correr, a velocidade. Pero tamén coñeces sitios diferentes e o ambiente está moi ben, a xente que se acerca, estar ca familia e cos amigos. Todo inflúe.

-Como recorda o accidente?

-Foi todo moi rápido e o golpe moi feo. Cando ía dando voltas de campá polo precipicio foi coma un flash, vin a vida pasar diante miña. Pero nestes coches a seguridade é total. Se fora nun normal xa non iría a esa velocidade. Non é comparable. Tiven a mala sorte de que o choque foi frontal no meu lado, un impacto seco. Non me feriu nada do exterior, foi o impacto en si, a desaceleración. Pasar dunha gran velocidade a cero quilómetros por hora en milésimas de segundos.

-E para o ano que plans ten?

-Primeiro temos que mirar o coche co que sairemos e ir colléndolle o toque. Agora toca centrarse nesta carreira, estar concentrado ao máximo e facelo o mellor posible.

-E como ve o nivel do resto de pilotos do galego?

-Eu son o que menos experiencia ten neste tipo de coches e tamén un dos máis mozos. Hai compañeiros que levan moitísimos anos nisto e con experiencia en diferentes vehículos. O nivel é brutal, e a experiencia é un grao. Hai xente boísima, coma Senra ou Caamaño, que estaría loitando contra os mellores no Campeonato de España.