Lorena Tallón: Un baluarte do galego no eido xudicial

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

Ditou a primeira sentenza na lingua nai da xurisdición noiesa hai catro anos

28 mar 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

Nos últimos tempos puxéronse en marcha medidas para tratar de reverter a situación, pero as estatísticas reflicten que o número de galegofalantes cae en picado. Hai de feito sectores nos que o emprego da lingua nai é anecdótico. Un deles é o xudicial. Tanto é así que casos coma o de Lorena Tallón García, maxistrada en Noia, poden considerarse especiais. Ela ditou a primeira sentenza en galego da xurisdición noiesa hai catro anos e segue a ser a única da zona que emprega o idioma da terra na escrita.

Lembra que aquela sentenza que se converteu nun fito para o partido xudicial de Noia estaba vinculada co dereito de familia: «Non era a miña primeira sentenza, nin tampouco a primeira que escribía en galego. Cando empezara no oficio, tres anos antes de chegar aquí, valorei as opcións e decidín traballar en galego, e desde aquela penso que debín escribir só un ou dous fallos en castelán».

Lorena Tallón recoñece que deu o paso, en parte, porque no seu día invocou o coñecemento das dúas linguas oficiais de Galicia para sumar puntos e ter en Noia o seu destino. Logo, quixo ser consecuente con aquela decisión. Non tivo a percepción de que aquela sentenza chamara a atención: «Había avogados que xa empregaban o galego na escrita e algún funcionario, nomeadamente o do xulgado de paz de Porto do Son, se ben é certo que os xuíces non o facían. Pero é unha realidade evidente que a lingua coa que se interactúa nesta zona con gran parte dos veciños é o galego».

O camiño que abriu esta maxistrada non serviu para que outros colegas de profesión da comarca a seguiran. Existe un motivo de peso, segundo ela mesma relata: «O programa informático que se emprega non é bilingüe, está unicamente en castelán, a diferenza do que ocorre noutras comunidades nas que coexisten dúas linguas oficiais. É triste, porque é un obstáculo imposible de salvar. Resolver esta eiva é a primeira actuación que deberían levar a cabo as Administracións públicas».

Futuro negro

A xuíza de Noia asegura que a implantación dun programa informático nos dous idiomas é unha vella reivindicación que segue pendente de ser atendida: «Supoño que terá unha implicación económica, pero o que está claro é que ten un punto de voluntarismo importante». Instalado o sistema, xa dependerá de cada funcionario a decisión de achegar o seu gran de area para cambiar unha tendencia que, segundo Lorena Tallón, é alarmante: «O uso do galego é minoritario, hai unha perda constante de falantes e a Administración de Xustiza non é allea a esa realidade. Se a tendencia continúa, o seu emprego neste eido pasará a ser simbólico ou anecdótico».

Para ela, o problema non reside só no eido xudicial, polo que habería que tratar de atallalo dun xeito global: «Quizais deberiamos facer unha reflexión do que se fixo nestes 40 anos de cooficialidade dos dous idiomas en Galicia e ver en que non estivemos acertados. O galego perde falantes a pesar do esforzo, polo que algo se está facendo mal».

Para Lorena Tallón, ir a contracorrente ten, non obstante, as súas recompensas: «É certo que require un plus de esforzo e de traballo porque os textos en galego son moi escasos e a nosa formación é maioritariamente en castelán, pero para min é un afán persoal e unha forma de actuar consecuente cos argumentos que esgrimín para conseguir que Galicia fose o meu primeiro destino».

A xuíza noiesa ten claro que o esforzo paga a pena, polo que supón para a defensa do galego como ben cultural e tamén porque lle permite achegarse aos cidadáns da contorna, que empregan maioritariamente o galego.