O noiés rende unha homenaxe á súa vila na exposición que acaba de inaugurar
11 ago 2018 . Actualizado a las 12:04 h.Para cumprir os teus soños, tes que ser valente. Despois de 15 anos tentado polo mundo da pintura, Pío Costa decidiu deixalo todo para dedicarse de cheo á súa paixón. Agora, grazas a unha contrastada traxectoria e aproveitando o 850.° aniversario da vila de Noia e o 90 da Sociedade Liceo, o pintor quixo render a súa particular homenaxe ao pobo no que medrou e que o axudou a converterse na persoa que é hoxe. A exposición, bautizada polo xeógrafo Pedro García Vidal como Miradas poéticas a carón do camiño de Santiago, está aberta xa ao público e poderá ser visitada ata o vindeiro 12 de setembro na sala Francisco Creo do edificio da sociedade noiesa.
A presentación está composta por 20 pinturas que Costa elaborou ao aire libre por diferentes puntos da península. Cadros do acueduto de Segovia, da fachada da Universidade de Salamanca, da estación de tren de Rábade, Sahagún, da igrexa de San Martiño... infinidade de lugares que reflicten as rutas de todos os peregrinos: «É o meu particular camiño de Santiago. Todos os lugares que eu visitei e que representan o percorrido de todos os peregrinos. Hai gran variedade visual e temática. O que trato é de levar ao público a todo un escenario que seguramente moitos xa coñecen e rememoren os momentos que viviron alí».
O gusto de Pío Costa pola pintura rápida non é novo, pois participa en concursos deste estilo dende o ano 1971. Esta atracción polas competicións artísticas ao aire libre basease «na loita contra o reloxo, no enfrontamento directo coa temática que elixes e a ansia e a frescura que transmiten ese tipo de obras». A pesares de atoparse nun contexto diferente ao do seu estudo, o pintor noiés afirma manter a súa liña estilística, cuxa principal misión é a de «captar a enerxía do que vas representar para espertar a sensibilidade do espectador que está contemplando a obra».
Dende neno
Pío Costa forma parte dunha familia de pintores. Esa paixón que os seus irmáns mostraban polo arte espertou nel unha forte curiosidade dende a infancia. Con 10 anos, os seus dotes xa se empezaban a notar: «Adoitaba coller tellas e debuxar no chan a igrexa de San Martiño. Os meus amigos sempre me dicían que aproveitaba calquera intre para pintar».
En 1965, a familia do noiés mudouse a Barcelona. Alí, o continuo contacto con museos e diferentes exposicións artísticas terminou por facer total un amor que o perseguira desde Galicia. No ano 80 xa acumulaba numerosos premios. Despois de darlle moitas voltas e a pesar das opinións disidentes, en 1986, Pío Costa abandonou o seu traballo para dedicarse de cheo ao mundo da pintura: «Ou o facía nesa época, ou non o ía facer nunca. Era o que eu quería, o que realmente me enchía. Os premios dos concursos eran algo que me impulsaba, xa que me dicía que ía polo bo camiño».
O pintor coñecía a dificultade da aventura que estaba emprendendo, pero nunca tivo dúbidas. Dende o primeiro momento, Costa tivo claro o seu obxectivo: «Sexa o traballo que sexa, se ti lle dedicas toda a túa paixón e o teu tempo, saes adiante. Eu non buscaba recoñecemento nin cartos, o meu maior premio xa chegara: dedicarme a isto é un regalo».
Este cambio na súa vida non lle supuxo unha maneira diferente de enfrontarse á pintura, algo que para el segue sendo «un sentimento que che fai apreciar que estás neste mundo dando toda a enerxía que levas dentro». O tempo parece que lle dou a razón e, despois de tantos anos, Pío Costa segue coa mesma ilusión da primeira vez que colleu un pincel: «Para min, é ese amor que lle gustaría ter a calquera home. Faime sentir creativo e axúdame a desconectar do estrés continuo no que vive a sociedade».
Próxima parada. Sen tempo a descansar, Costa xa ten preparada a súa próxima exposición. Terá lugar en Santiago o próximo mes de decembro.
Un fan do expresionismo. Os cadros de Monet ou de Pizarro influenciaron ao noiés dende o inicio da súa andadura como pintor.