Lecer

VEIRAS MANTEIGA

NOIA

DESDE FUERA | O |

23 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI DÍAS, coma hoxe, que me pregunto cal é a concepción que algúns dos nosos xóvenes teñen do lecer. Ven esto a conto de que algún que outro luns aparecen nas rúas das nosas vilas xa non botellas, vasos e lixo, senón algo máis que grave, como o non respecto da propiedade privada e pública. Porque xa está ben que estes artistas de merda, forofos do tag discriminatorio, en vez de pintar se cadra as súas portas, muros ou casas o fagan no alleo. Aínda peor, que se permitan enzoufar unha obra como pode ser a escultura de Antón Avilés de Taramancos na vila de Noia, que alomenos, a diferencia destes artistas, deixounos ós seus contemporáneos unha producción literaria que un quixera que estes cativos fosen capaces de lograr nun futuro. cousa que teño que poñer en dúbida ao meu pesar. E teño que preguntarme: ¿onde vai a cultura en todo esto?, ¿e a educación? Xa está ben de que algún confunda a liberdade cun dereito que a lei non lles outorga e que poida andar facendo estas burradas ás súas anchas. A ver cando os collen e lles fan, en fins de semana, limpar todas esas porcalladas, para que así se dean conta do desprezo que a xente sinte cara eles e poidan saber o que é a vergoña de verse ollados polos seus semellantes.