O piloto valgués Juan Tobío amosará o seu novo coche cunha festa techno e probas de enduro Carreiras de car-cross e charlas doutros corredores galegos completarán o programa
27 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.? O piloto valgués Juan Manuel Tobío Catoira presentará en sociedade dentro de sete días o novo coche da súa escudería, Tobío Competición. Un Peugeot 106 Kit-Car co que competirá no vindeiro Campeonato Galego de Rallies. Os altos custes da participación nun circuito destas características, algo máis de tres millóns de pesetas das de antes, e o forte investimento feito na construcción do automóbil, uns catro millóns e medio de pesetas, levou á cabeza de Tobío a idea de aproveita-lo remate da fabricación do seu vehículo para recadar un diñeiro extra co que poder afronta-los gastos da tempada deportiva.¿Como? Pois cun programa ó máis puro estilo Made in U.S.A . Durante dous días, o venres 7 de marzo e o sábado 8, Tobío ofertará ós veciños de Valga e ós amantes do mundo do motor de toda Galicia desde música techno ata demostracións de diversas modalidades de competición sobre dúas e catro rodas que culminarán coa presentación estrela do Peugeot 106 Kit-Car. Todo, na explanada da celebración da Festa da Anguía, baixo unha carpa instalada ó efecto.Os actos arrincarán o venres ás dez da noite. Música por determinar amenizará unha velada na que se prevén charlas de varios pilotos galegos, unha concentración de coches de competición e ata un campionato de futbolín. Tobío tentará ademais contar con algún campión galego de rallies ou de montaña ese día.O sábado a escudería valguesa voltará á carga ás catro da tarde cunha demostración de enduro e outra de car-cross ( buggies ), que se prolongará ata as oito e media.Ás dez da noite retomarase o programa cunha festa techno dance na que os asistentes poderán ver por primeira vez o novo vehículo de competición de Juan Manuel Tobío.Aínda que a asistencia ós actos é en principio gratuíta, Tobío agarda recibir dos asistentes algún tipo de axuda económica en forma de donativo. Con este fin, o piloto valgués xa comezou a repartir invitacións para os actos de presentación.Ademais, os organizadores van a pór á venda rifas nas que se sortearán varios regalos doados por diversas empresas que colaboran gratuitamente no evento.Polo de agora, a escudería conta xa co apoio de algo máis dunha media ducia de empresas, unha de Noia e o resto da súa propia localidade.