Para este doutor de Muros, o son das ondas é a mellor das melodías que se pode escoitar
28 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O norte non é un vento querido en Muros, pois así como para o vendaval conta coa protección do monte Oroso, á vila zóupanlle de cheo as ventiscas do nordés. Do norte tamén procede un dos actuais veciños muradáns, aínda que neste caso a ninguén se lle ocorre atribuírlle connotacións pexorativas, salvo aquela que se refire á práctica da actividade física que, de forma reiterada, aconsella aos seus pacientes. Jaime Dopico Pita leva en Muros xa 28 anos, dispensando os seus coñecementos medicinais, e tamén proporcionando todo tipo de axuda psicolóxica aos usuarios da súa consulta. Tanto é así que, cando moitos deles piden cita, se lles din que o seu médico non está no centro adían a súa presenza no dispensario sanitario da vila.
Nado na parroquia de Lago, do concello de Valdoviño, acudiu un día a Muros para asistir a un casamento. Daquela, aínda navegante, pois antes de doutor en menciña obtivo a titulación de capitán da mariña mercante, non pensaba que unha estadía ocasional na vila se convertería, co paso do tempo, no seu destino laboral definitivo, do que nunca tentou fuxir. Aquí mercou casa, criou á súa filla e converteuse nun muradán máis, tan inquedo coma calquera nativo polos problemas que afectan ao concello e ás súas xentes.
Ao doutor Dopico tocoulle participar activamente en Muros na transformación dunha sanidade individualizada e tradicional nunha actividade asistencial colexiada e tecnificada, coa progresiva e punteira incorporación á metodoloxía dixitalizada. Ao pouco de chegar á localidade barbancesa, xa foi designado polos compañeiros, e logo polas autoridades sanitarias autonómicas, coma coordinador do Centro de Atención Primaria (CAP) local, e máis tarde, xefe da sección sanitaria do municipio.
Satisfeito cos avances
Aínda que el non se sinte plenamente satisfeito coas prestacións sanitarias que se prestan no CAP que dirixe, especialmente polos recortes habidos na dotación de persoal, o certo é que o centro médico de Muros é pioneiro en Galicia na informatización dos informes sanitarios, no servizo de teleconsultas con especialistas con achega de imaxes, e tamén conta con atención en pediatría, urxencias, fisioterapia, radioloxía e servizos sociais. Á vez, o CAP deu conseguido o instrumental preciso para ecografías, retrografía, tonometría, desfibrilador e para levar a cabo probas de odontoloxía, en todo o cal o seu labor foi determinante. Tamén deben resaltarse os seus traballos, estatísticas e valoracións realizadas en materia coronaria.
No aspecto persoal, Jaime Dopico é afable, moi interesado polos problemas socias, sempre disposto a colaborar e axudar ao necesitado, e afastado das loitas e intereses políticos partidistas. Entre as súas afeccións destacan a lectura, a conversa cos amigos, a partida de dominó e a pesca. Pese a estar totalmente integrado no pobo muradán, que é xa a súa casa, este médico non esquecerá nunca as súas orixes en Lago, e ao ter que elixir un recuncho idílico, non dubida en asegurar que este debe estar obrigatoriamente vinculado coa auga. «O mar envolve toda a miña vida, pero sempre me sentín moi ledo á beira dun río. O son das ondas ou o canto da auga dun regato fanme ferver o sangue, igual que a mellor das melodías de música clásica», asegura con rotundidade este fillo adoptivo do territorio muradán.