Fala o autor do polémico audio do Mazaricos: «Estou tranquilo porque non fixen nada»
MAZARICOS
Iván Baña é contundente: «Queremos que se saiba a verdade canto antes para que isto acabe»
22 mar 2022 . Actualizado a las 20:00 h.Iván Baña Grille (Mazaricos, 1998) vive o seu primeiro ano no equipo sénior da súa vila, logo de pasar por outros clubs de fútbol da zona como as escolas Luís Calvo Sanz de Carballo, o Dubra, o Dumbría e o Victoria coruñés. Iniciouse neste deporte dende moi novo na propia localidade e desempéñase como porteiro. Este martes fixo as primeiras declaracións a La Voz sobre o polémico audio que enviou a un xogador do Ponteceso e que deixou no aire un posible amaño dun partido disputado o pasado día 13.
—Antes de nada, como está tras a polémica xurdida a raíz dun audio seu?
—Non foi nada agradable nin fácil de levar pola repercusión que tivo. Estiven moi amolado, pero á vez, tranquilo porque sabía que non fixera nada. Agora aínda o estou máis toda vez que, dende o club, nos informamos para poder publicar as mensaxes daquela conversa e que demostran que nada houbo. Queremos que se saiba a verdade canto antes para que isto acabe. En ningún caso pensei que puidera ter a repercusión que tivo porque eu sabía perfectamente que a outra persoa estaba vendo que non ía en serio. O que pasa é que, sacado de contexto... Entendo que a xente puidera pensar mal, pero tamén creo que, sen todas as probas, non se poden facer acusacións tan graves como fixeron algúns.
—Como se deu a conversa?
—Coincidimos no Bergantiños un ano. Había tempo que non falabamos e, como nos iamos enfrontar o domingo, pois xurdiu así. De feito, nin lembro quen a comezou. Cando eu lle digo de darlle ó Ponteceso entre 1.000 e 2.000 euros por deixarnos gañar por dous goles máis que o Tordoia ó Belvís nin penso na posibilidade de que iso suceda. Cóntollo totalmente de broma para que se bote unhas risas. Non cobramos por xogar e adestrar ó equipo feminino e imos ter cartos para pagarlle a alguén? Non ten sentido. Despois, non volvemos falar ata no propio partido, unha vez rematado, no que el me felicitou polo triunfo e eu deille as grazas.
—Hoxe en día, visto como se deron os feitos, arrepíntese de facer esa gravación?
—Si. Non o volverei facer nin tomar a broma debido ás situacións ás que pode levar. De feito, días antes de explotar todo isto, cando o audio xa rulaba polo entorno máis próximo, falei co presidente do Tordoia e cun irmán dun dos seus xogadores para pedirlles desculpas a todos polo que lles puido afectar a nivel persoal o sucedido, mais para dicirlles que non tiña problema en ensinarlles a conversación un día para que viran o que había. O mesmo fixen co capitán do Mazaricos e co do Ponteceso, dado que foron as persoas polas que máis sufrín. Mencionei os seus nomes no audio e víronse gravemente afectados.
—Considera que o Tordoia debería conformarse coa publicación destas mensaxes e desistir no intento de estudar o caso?
—No club temos a certeza de que con esta proba podemos demostrar que non houbo nada. Teño a conciencia moi tranquila. Non quero nin pensar se chegara a borrar a conversa... sería un caos, tiven a sorte de tela. Espero que con isto se aclare todo. Pode haber alguén que siga dubidando, pero iso xa depende da perspectiva con que o vexas. Respecto ao Tordoia, eles teñen que valorar as probas que viron ata agora e, se queren seguir, estou tranquilo.