Contrastar e verificar, a receita para combater a desinformación nas redes

La Voz

LOUSAME

Imaxe do logo de X, unha das redes sociais máis importantes do mundo
Imaxe do logo de X, unha das redes sociais máis importantes do mundo ADAM VAUGHAN

Extracto da reportaxe realizada por alumnado do CPI Cernadas de Castro (Lousame)

07 feb 2026 . Actualizado a las 12:58 h.

Inmigrantes que comen animais de compaña, centos de mortos nun aparcadoiro dun centro comercial, asasinatos de menores atribuídos a persoas de orixe estranxeira; estes son só uns poucos exemplos de informacións falsas que circularon nas nosas redes sociais nos últimos meses.

A desinformación e a mentira afectan ao día a día de forma moi significativa: no entorno político, no social e tamén no privado. Un exemplo sería a situación mediática provocada pola DINA que afectou en outubro á Comunidade Valenciana, Castela-A Mancha, Andalucía, as Illas Baleares e Aragón.

Este fenómeno meteorolóxico extremo, en gran parte causado polo cambio climático, exemplificou claramente como as redes sociais poden axudar a unha rápida e masiva difusión de bulos e informacións sen contrastar.

Para coñecer como sentían os veciños de Lousame e da comarca fíxose unha enquisa na zona de Noia. Foi feita durante o período de vacacións de Nadal e realizáronse un total de cen entrevistas a persoas de idades comprendidas entre os 20 e os 40 anos. Os resultados mostran que na nosa comarca as redes sociais son unha fonte favorita para informarse. Fronte a isto, vemos que medios tradicionais como a radio e os xornais perderon influencia entre as persoas que participaron na enquisa.

Quere dicir isto que a xente na nosa comarca está máis exposta aos bulos e fake news? Non semella o caso, xa que os datos mostran que case a metade das persoas enquisadas adoitan contrastar as novas.

Non todo é o mesmo

Fake news, bulos, desinformación, discurso de odio, son conceptos que se adoitan ler, escoitar, e mesmo utilizar no día a día. Pero se sabe realmente o seu significado? Segundo explica Alicia López, de Newtral, proxecto que se dedica á verificación de datos, hai unha diferenza no matiz de significado destes termos. «A desinformación é un fenómeno máis amplo que engloba os bulos, pero tamén a outro tipo de accións, como difusión de narrativas, ou campañas de manipulación e interferencia estranxeira, entre outros. Co termo bulos referímonos xeralmente a posts, artigos ou mensaxes falsas ou enganosas que se difunden principalmente a través de redes. O termo fake news popularizouse a raíz de que o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, fixo del, e correspondería á palabra bulo». Algúns autores prefiren evitar o uso da expresión fake news por varios motivos, como o feito de que se é falsa, non pode ser unha noticia.

Paloma Piot, doutoranda no proxecto Hybrids, que estuda e analiza boas prácticas democráticas e do cal forma parte a USC entre outras moitas universidades e institucións, explica que o discurso de odio é un termo que non ten unha definición establecida, pero actualmente existe un consenso que o define como «linguaxe caracterizada por un discurso ofensivo, despectivo, humillante ou insultante que promove a violencia, a discriminación ou a hostilidade cara individuos ou grupos baseado en atributos como a raza, a relixión, a etnia ou o xénero». Este fenómeno está moi presente nas interaccións diarias nas redes, nas que se percibe moita hostilidade cara certos colectivos e minorías.

Punto de vista parcial

Parte deste proxecto é Michele Joshua, tamén doutorando experto en detección de hiperpartidismo, que é un concepto que malia non estar aceptado en ningún dicionario, é utilizado neste campo de investigación. Segundo afirma Joshua, «o hiperpartidismo fai referencia a unha extrema lealdade cara un partido político que resulta nun intenso desacordo coa visión oposta». As novas hiperpartidistas que abundan nas redes, reflicten «un punto de vista extremadamente parcial», comenta Joshua.

Todos estes conceptos anteriormente mencionados forman parte dunha realidade global da cal Galicia non está exenta. A nivel autonómico existe un proxecto chamado VerifiGal, o cal naceu na facultade de Xornalismo e Ciencias de Comunicación da USC coa vontade de desenvolver «técnicas de fact checking coa fin de desmentir datos ou de comprobar o seu grado de veracidade», como sinala Iria Pombo, estudante de xornalismo e unha das responsables do programa.

Na súa opinión, «Galiza está moi prexudicada, informacionalmente falando, porque non hai ninguén que estea controlando o que se espalla por aí, non hai unha vara de medir, e a sociedade galega conta cunha poboación que non posúe as ferramentas suficientes para facer fronte a isto, porque tampouco interesa», afirma.

Segundo aconsella Iria López, para combater esta ola de desinformación hai que, ante a dúbida, evitar compartir. «Se recibes un contido e dubidas sobre a súa veracidade, é mellor contrastar a información e verificala para evitar converterse nun elo máis da cadea de desinformación». Tamén é importante non deixarse levar polas emocións máis viscerais, xa que os bulos moitas veces buscan causarnos indignación, enfado ou medo.

Agora máis que nunca, coa eliminación de verificadores en compañías como Meta, faise moi necesario ter en conta estas boas prácticas nas interaccións nas redes sociais.

As «fake news» non son algo novo, xa existían na antiga Roma

Por moi recente que poida parecer este fenómeno, os bulos influíron na política ao longo da historia. Por exemplo, na antiga Roma atopamos o caso do emperador Augusto, sucesor de Xulio César, que disputaba o trono con Marco Antonio. O futuro césar valeuse de múltiples estratexias para conseguir o seu obxectivo; se cadra, a de maior sona é a coñecida como Moedas de Marco Antonio. Aproveitando o poder de difusión das moedas, mandou acuñar nelas unha serie de frases curtas en contra do seu competidor; estas presentaban o rival de Octavio como mullereiro e monicreque de Cleopatra. A xogada deulle bo resultado a Octavio, quen acabou converténdose no novo emperador romano.