Ana Domínguez, cabeza de lista do PSOE lousamián: «O que pretendemos é que Lousame progrese»
LOUSAME
É consciente da dificultade, pero non desbota conseguir un cambio que considera necesario
15 abr 2023 . Actualizado a las 19:04 h.Aínda que foi concelleira hai anos, pode dicirse que Ana Domínguez (Lousame, 1974) é un dos novos rostros das próximas eleccións municipais porque será a primeira vez que participe encabezando o proxecto do PSOE de Lousame. Faino cunha candidatura renovada e un reto: lograr o cambio no municipio.
—Como está a vivir o traballo de formar unha candidatura e preparar unha campaña sendo a que porá a cara nos carteis electorais?
—É complicado xestionar o equipo, as semanas que dedicamos a configurar a lista foron complexas. Conseguir un equipo no que confíes plenamente é difícil, pero contamos con persoas que ata o mes pasado apenas coñecía e agora confío totalmente nelas porque vexo que están completamente implicadas. Ao final, unha agrupación local dun partido é coma unha asociación, hai unhas siglas que son as que agrupan un determinado pensamento progresista, pero logo o que nos interesa a todos é o mellor para Lousame.
—Hai moita renovación nese equipo?
—Si. Hai persoas que están na agrupación desde sempre, pero tamén xente nova, con ideas de progreso que coinciden coas nosas.
—Dicía que, ao final, o que move a política municipal é o interese por mellorar o concello, que cre que debe mudar en Lousame?
—O que nos parece é que nos últimos anos, desde que goberna o PP de feito, non houbo nunca un proxecto. Nós queremos que Lousame vaia cara algún lado, hai que pensar en ir máis aló, e non hai un plan, fanse accións illadas pero non hai un proxecto de conxunto real. Pasa co turismo, por exemplo. Hai accións, pero non se trata só de que a xente veña, trátase de contar cunha estrutura para que a xente quede. E no ámbito social pasa exactamente o mesmo... Non podes estar sempre agardando a que veñan subvencións de fóra para resolver determinados problemas. Nese sentido, nós temos un programa que busca o futuro de Lousame, o que pretendemos é que o concello progrese.
—Na súa presentación como candidata insistía moito na necesidade de dotar ao municipio de servizos.
—É básico. Estamos nun momento no que a xente ten interese en volver á aldea, volve mirar ao rural, e se ese rural non lle dá servizos como ocorre no noso caso, a xente vai buscar outro sitio porque Lousame non ofrece futuro. Cuestións como o transporte público ou unha conexión a internet decente son fundamentais.
—Busca o cambio no Concello de Lousame, un municipio no que se impoñen as maiorías e no que semella especialmente complicado...
—Nótase que se quere un cambio, pero é moito máis difícil cando a poboación se estanca dalgún xeito. Un terzo dos veciños de Lousame teñen máis de 65 anos, sempre viviron aquí e igual eles non necesitan o cambio. Pero os rapaces non van apostar por Lousame nin vai vir xente nova se non hai proxecto de futuro.