O FIADEIRO | O |
09 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.DENTRO dun sobre cuñado en Ordes, co remitente de Manuel Pazos, chegoume unha pequena xoia en papel: un lotiño de publicacións da Asociazón Cultural Obradoiro da História. Eles escriben así, e eu respéctoo, que o fundamental aquí non é a norma da escrita do noso idioma. Un obradoiro para nós non é só a fachada ou a praza da catedral, na Compostela vella e guapa. Os obradoiros son talleres de moitas cousas. E oxalá en cada comarca do país houbese obradoiros así, dedicados á recuperación e divulgación da nosa Historia, poñéndolle un til simbólico ó vocábulo. Isto faino esta asociación con xentes de Ordes e Oroso, baixo o lema certo «sen pasado, non hai presente, nin futuro». O envío inclúe un estudo de Raquel Bello sobre o galeguista Luís Porteiro Garea; As construcións da auga no Chonia (de Luís Villar); A Capela de Lourdes nas orixes da vila ordense ; Vicente Carnota, xornalista e sacerdote; A medorra e o castro de Recouso ; Guía do Camiño Inglés no Concello de Oroso . E todo isto acompañado dun catálogo que recolle máis de trinta publicacións preparadas por este colectivo, que ten como enderezo o apartado número 42, Ordes 15680. ¡Azos e longa vida a este fermoso e útil obradoiro!