Destaca a implicación dos veciños que, asegura, viven a romaría como unha cita para compartir
30 ago 2025 . Actualizado a las 05:10 h.Lembra a concelleira de Cultura de Boiro, María Outeiral, que a tradición de vivir o San Ramón de Bealo vénlle do berce, porque a súa familia sempre acudiu á romaría. Ela continúa a facelo e explica que lle gusta pasar alí todo o día.
—Como colabora o Concello coa celebración?
—Existe unha colaboración económica e de medios materiais. O Concello contrata grupos musicais para o propio día da romaría, tamén apoia co alumeado e con diferentes cousas necesarias. Para montar unha festa fan falla moitas cousas.
—Trátase dunha celebración moi arraigada e cunha longa historia, cales son as súas vivencias sobre esta cita?
—É unha festa moi diferente a outras, con ela paralízase o pobo. A maioría dos negocios de hostalaría pechamos, cousa que non sucede noutras festas e menos sendo festivo local. A xornada da romaría vívese como a despedida do verán e todo o mundo sinte o desexo de compartir. Á xente gústalle ir á romaría, involúcrase moito e ata o lugar da capela acoden familias, grupos de amigos. O San Ramón non é unha festa, é un sentimento.
—Como o desfruta vostede?
—Paso todo o día en San Ramón. A min gústame estar alí coa xente. Vexo a amigas e tamén teño que dicir que Bealo víveo moito.
—A romaría atrae a persoas de distintos lugares e durante o verán Boiro tamén ten un gran poder de convocatoria con numerosos actos culturais. Como valora a participación cidadá?
—A xente responde moi ben, porque coinciden moitas festas as fins de semana e as actividades programadas teñen afluencia. Boiro ten un nivel de turismo importante. Hai persoas que me paran para dicirme que lles gusta o que se programa e temos actividades moi diversas. Considero que temos cabida para todo.
—Vai chegar o outono e o inverno, a programación está definida?
—O primeiro será o mes da danza, que comezará o 5 de setembro e se prolongará ata o final. Haberá actuacións no pazo de Goiáns, pero tamén en Cespón e en Ponte Beluso. Haberá unha actuación con Fran Sieira, pero tamén cos grupos locais. É importante darlles cabida porque fan espectáculos excepcionais que a xente debe coñecer. Temos un alto nivel entre as formacións do municipio. Neste mes da danza, que precisamente foi unha proposta dun deses grupos, temos ballet e baile tradicional.
—Que destacaría do aspecto cultural do municipio?
—Aquí hai xente moi creativa e cunha gran capacidade. Por parte do Concello, eu síntome orgullosa porque creo que hai un antes e un despois. Intentamos deslocalizar as actividades, colaborar cos distintos colectivos e apoiar as celebracións que se levan a cabo en tódalas parroquias. A xente é moi dinámica e está moi implicada.