Marco Silva, adestrador da traíña galega de Cabo: «Como máis se aprende é competindo»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

David Costas

O técnico aposta por formar remeiros que poidan dar o salto á Eusko Label Liga

16 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Primeira tempada de Marco Antonio Silva (Boiro, 1977) á fronte da embarcación masculina de Cabo da Cruz que milita na Liga Galega de Traiñeiras. Logo de media vida no mar, pensou en dicirlle adeus este ano. Non lle deixaron no club, que sabían que sería un gran adestrador para as promesas. E non fallaron. O equipo está dando novos pasos este verán.

-Como está vendo a tempada?

-Pois a verdade é que estamos contentos cos resultados. O problema é que estamos tendo moitas baixas ultimamente. E o equipo é bastante xusto.

-Lesións?

-Si, e tamén algún rapaz que estivo en contacto con contaxiados por covid e non pode adestrar, remar ou traballar. Non hai ningún positivo no club, pero aínda así aféctanos a situación.

-E os rivais apertan.

-Si, pero demos un pasiño cara diante e estamos en quenda de honra. Pero loxicamente o que prima é o equipo da ACT, con todo o que iso trae. Estamos cun bote de 20 anos e o mellor material vai para o equipo da ACT e as rapazas, que están en bo nivel e gañando bandeiras. Nós somos como o irmán pequeno que vai recollendo as cousas que deixan os irmáns maiores [ri].

-Entendo que o rol é o de formar remeiros para a ACT.

-Si, claro, o obxectivo é darlles experiencia, ensinarlles o que é competir para que poidan dar ese saltiño e ir á ACT. Se aínda así nós temos un bo nivel, pois mellor. Como máis se aprende é competindo e rendendo. Se estás atrás fórmaste de aquela maneira. Si che apertan os rivais baléiraste doutra forma.

-Comentáronme que estivo a punto de deixar o club e ao final acabou de adestrador.

-[Ri] E ao final este ano teño dobre ficha, tanto no equipo de ACT como na traíña galega. Aí estamos, botando unha man, pero estaba un pouco canso de viaxar. Marchas o venres para o País Vasco e ata o domingo á noite non chegas á casa. Eran sete ou oito anos competindo na ACT e van pasando factura. Pensei en deixar, e de feito deixeino uns meses, pero chamoume Gustavo [Vázquez] para competir na traíña B e de paso levar o equipo. Ao final vou botar unha man ao club no que faga falta.

-Un é remeiro para sempre.

-Si, si, costa deixalo. E o que ten amor ao club.

-E segue remando tamén.

-Si, a primeira regata da ACT na Coruña remei, e algunha máis acabarei facendo. Pero sen tanto viaxe. Teño unha idade, non son un crío e está a familia.