A boirense que puxo banda sonora a súa vida

lucía eiras / a. G. RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

cedida

Creou o «pianotelling», no que cada peza instrumental está acompañada por un relato de carácter persoal

09 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando Elsa Muñiz (Boiro, 1992) fixo soar as teclas dun piano por primeira non era máis que unha cativa apaixonada pola música: «Regaláronme o meu primeiro teclado con 4 anos», comenta. Lonxe de quedar nunha anécdota, a boirense empezou a súa preparación: «Comecei con só 6 anos en clases extraescolares». Despois dun pequeno parón retomou o que máis lle gustaba: «Con 9 anos volvín sentar diante do piano, pero esta vez no conservatorio de Ribeira».

Dende ese momento, a súa formación non deixou de crecer. Pasou por conservatorios e universidades de Galicia e do estranxeiro: «Estudei ata os 19 en Ribeira, despois fixen o grao superior no conservatorio de Vigo. No último curso marchei de Erasmus a Varsovia, onde quedei dous anos máis facendo o posgrao».

Ó tempo que crecía nela o amor pola música, afloraba tamén a paixón pola ensinanza: «Sempre me gustou e soñaba con poder combinar ambas facetas». Isto levouna a estudar o grao de Educación Primaria na USC de maneira simultánea co superior: «Ademais de intérprete e compositora agora son tamén profe de música, así que non podo estar máis contenta».

O primeiro disco

O peche dos seus estudos foi o mellor que puido imaxinar: «No 2018 puiden presentar o meu primeiro disco, Memories, era algo co que sempre soñara. Compuxen por primeira vez con 8 anos e dende ese momento quixen ter esta oportunidade. Con este traballo pretendo acercar a música clásica a todos os públicos».

Explica que no disco reúne recordos que lle axudan a compoñer, aínda que recoñece que non ten ningunha manía ou costume e que a inspiración vai por momentos: «Hai días nos que as melodías veñen con maior facilidade. Nos momentos máis tristes, o piano sérveme de refuxio».

Memories actúa a modo de diario: «Cada canción conta unha historia e en cada unha hai altos e baixos». Trátase dunha recolecta das súas memorias, recolle vivencias, emocións e sentimentos tanto da súa vida como doutros que se foron. O tema máis coñecido é Angrois, que compuxo o mesmo día do accidente e no que combina diferentes sentires: «É unha peza dura, pero tamén ten momentos de claridade pola xente que sen ningún tipo de coñecemento salvou vidas».

Con esta maneira tan peculiar de contar historias, Elsa Muñiz creou un novo concepto, denominado o pianotelling: «Cada unha das composicións conta un relato de algo que me pasou».

Trátase de música instrumental para piano que pretende dar luz a microrrelatos autobiográficos: «É unha maneira máis doada de acercar a música clásica ó gran público». Nestas pezas, as notas vense sustentadas na voz da autora, que vai narrando a súa propia historia.

Novo proxecto

As composicións de pianotelling xa están dispoñibles en formato físico, xa que o cedé inclúe un libreto no que se conta a anécdota que cada unha das pezas ten detrás. Aínda está acabando de amasar este proxecto, pero Muñiz xa ten outro entre mans: «Traballo na publicación dun libro». Trátase dunha iniciativa didáctica e pedagóxica na que a compositora empata as súas dúas paixóns: «Vese influenciado tamén pola ensinanza». A obra, que trasladará Memories ó papel, combina narración, ilustracións e a partitura do tema.

O estado de alarma decretado no país pola emerxencia sanitaria do coronavirus pechou as salas de concertos, pero fixo crecer as plataformas dixitais: «Durante o confinamento notamos un incremento moi grande no número de escoitas e de seguidores, pasamos de ter oito oíntes mensuais en Spotify a ter case 40.000». Pero a famosa aplicación non foi a única que creceu: «chegamos ós 200.000 en streaming e a 90.000 oíntes».

Cos pés apoiados no éxito dos últimos meses, Elsa Muñiz prepara o seu despegue: «Para este mes de agosto temos pendente a gravación de máis videoclips, xa que polo momento só o tema de Angrois conta con contido audiovisual». Ao mesmo tempo, organiza a súa xira: «De cara a outubro e novembro temos en mente comezar cos concertos». Xa ten algunha cita proxectada: «O catro de decembro tocarei no auditorio de Rianxo». Alí, ademais de tocar as súas pezas, poderá contar as súas memorias.