Os vindeiros sábado 7 e domingo 8 de outubro celebraremos unha nova edición das xornadas A Pobra do Caramiñal no tempo, organizadas polo concello de Pobra do Caramiñal no teatro Elma. Este ano seleccionamos relatores que nos falarán de conectividade, da relación da Pobra coas dinámicas culturais e históricas do ámbito comarcal, da ría de Arousa e Galicia.
A arqueóloga Patricia Mañana deterase nun dos aspectos menos coñecidos do pasado do concello: o Neolítico e as súas necrópoles de mámoas. Patricia conectará esta época coa riqueza prehistórica do Barbanza e amosaranos o seu traballo nun dos dolmens dun lugar co que os pobrenses temos conexión emocional: o illote de Areoso. Alberto Cancela explicaranos a descoñecida obra dun dos directores da banda de música da Pobra, Ricardo Fernández Carreira, quen participou do renacemento musical galego dos anos 10 e 20.
O experimentado antropólogo Rafael Quintía deterase, por primeira vez nestas xornadas, no universo simbólico do mar na Pobra e na ría e Rosario Álvarez, unha das grandes expertas na variación territorial do galego e presidenta do Consello da Cultura Galega, debullará na lingua que falamos no sur de Barbanza e as súas diferenzas territoriais. Vanse sorprender, verán.
Como xa é tradicional, o domingo 8 celebraremos unha visita guiada. Desta volta, achegarémonos ao Maño co historiador Antonio González Millán para celebrar os 300 anos da construción do templo parroquial. Mirar con outros ollos o próximo para entender o seu valor.