Recibimos tantos impactos e tan diferentes no discorrer do día que poñer a atención nunha soa cousa custa moito traballo
02 nov 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Recibimos tantos impactos e tan diferentes no discorrer do día que poñer a atención nunha soa cousa custa moito traballo. Aquel berro dos profesores cando observaban a mirada perdida do alumnado reclamando atención ao que se estaba explicando servía para saír dese estado de soñar esperto, un estado moi próximo a función de pasmar, da que tantos nos definimos como humildes devotos. Pasmar xa non está o alcance de todo mundo. Os teléfonos intelixentes viñeron a atrofiar esa capacidade do ser humano para converter ese tempo —o de pasmar— gratuíto e que non lle fai dano a ninguén, nun negocio moi rendible para todos aqueles que provocan o acceso a unhas determinadas páxinas webs ou aqueles que navegan polo éter, é dicir, polas redes enganchados a toda clase de información e xogos.
Celso Emilio Ferreiro, o ilustre poeta de Celanova, escribía: «Son un pasmón/peatón/con opinión/dicindo a verdade núa/pola rúa. /Nunca fun usuario/de automóbil suntuario/nin tampouco utilitario/ Camiño a pé e por iso é polo que /vexo o mundo tal cal é». Daquela non existían estas armas de destrución masiva, ladroas do tempo de cada un de nós.
Dicía Ciceron que as horas pasan, os días, os meses e os anos e verificaba que o tempo pasado xa non regresará. A saída dos institutos de Barbanza, a rapazada diríxese en tropel a rúa e hai que fixarse porque xa non hai algarada de berros, nin de carreiras, por unha banda ben, pola outra unha mágoa porque non dan levantado a vista do teléfono. E levantar a mirada nos tempos que corren é fundamental para saber como se move o mundo, no que está incluído a nosa familia e amigos quizais así poidamos atender mellor os impactos que nos chegan.