O valor da comunidade

Alberto García

BARBANZA

David Martínez Pelcastre | EFE

Individualizouse a vivenda, o transporte, o traballo e tamén a crianza

07 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai cen anos, o auxe do fascismo en Europa veu precedido dun momento de grande fragmentación social. O totalitarismo necesita a fragmentación social en canto as persoas individuais illadas, desesperanzadas e anoxadas acollen mellor a figura dun líder forte e salvador como vemos nos ascensos de Trump ou Milei ao poder.

A fragmentación social é resultado sobre todo das crecentes desigualdades que xera o sistema económico imperante nas sociedades occidentais dende hai décadas. Un sistema económico baseado no pensamento neoliberal que impulsaron Reagan ou Margaret Thatcher a finais do século XX acuñando aquela frase de «Non hai sociedade, só individuos».

A sociedade de consumo que sostén o capitalismo liberal é antagónica por puro interese económico aos antigos usos comunitarios que favorecían a cohesión social fronte á fragmentación. Constantemente vemos como se pasou da colectivización do traballo, da convivencia, da crianza e doutras formas de apoio mutuo a unha crecente individualización e privatización da vida.

Individualizouse a vivenda, o transporte, o traballo e tamén a crianza. Abandonouse a colaboración veciñal no coidado dos nenos e incluso chegamos a cuestionar os consensos da educación pública.

Hai quen di tamén que ate a amizade pasou de representar vidas compartidas a entenderse como vidas individuais que de vez en cando se xuntan para tomar un café e «poñerse ao día» para contarse experiencias que xa non se viven en común. Xa non compartimos vida, temos vidas individuais e de vez en cando xuntámonos para contárnolas. Privatizamos, individualizamos e illamos moitos dos aspectos que antes eran vividos colectivamente.

As redes sociais son expresión última deste individualismo que nos atravesa e dun nós ficticio onde a golpe de clic cremos estar conectadas. O centrarse no «eu» é signo destes tempos, o mirar pola mellora persoal, «o conseguir a mellor versión de ti» con exercicio, dietas, libros de autoaxuda, ioga, Pilates, gym.

Mentres o «nós», o escudo social e os dereitos colectivos retroceden, avanza a idea de que o malo que nos suceda é porque algo terás feito mal ti. Males colectivos, responsabilidades individuais, gran erro. Frustración, malestar, crise, saúde mental, tdah, illamento e fragmentación social. Síntomas e caldos de cultivo perigosos, un século despois.

Fronte á sociedade que se está a construír, que resposta ofrece a cultura?

A resposta do sector cultural nos últimos anos utilizou sen darse conta as mesmas claves que a orixe do problema. E comezamos a falar de industrias culturais, de produtos e consumos culturais, de turismo e xestión cultural, que soa mellor que precariedade. Convertemos a cultura fundamentalmente nun ben máis de consumo e nun recurso só para mellorar a economía. Caemos na trampa do sistema e esquecemos visión social da cultura, a cultura como «un todo que inclúe coñecementos, crenzas, arte, moral, dereito e costumes. Capacidades ou hábitos adquiridos polo ser humano como membros dunha sociedade».

Esquecemos ademais que baixo a visión social e antropolóxica da cultura construíramos un sistema de servizos públicos que favorecían o acceso universal, a igualdade, a educación e outros dereitos que estaban escritos nas leis que consensuamos no seu día. Perdemos o foco e de repente atopámonos ofrendo só espectáculo en vez de cultura.

Que resposta poderiamos ofrecer sendo conscientes do que nos está a pasar?

A cultura comunitaria como ferramenta para favorecer a condición de cidadanía, o exercicio do ben común e os beneficios da vida en colectivo. O facer xuntas, o ser parte activa e non só espectadores-consumidoras e votantes, o empoderamento fronte a quen administra os nosos cartos, a liberdade de expresión e de creación, a práctica da civilidade, da convivencia, da construción común da sociedade, a democracia.