Veño de estar na inauguración da nova mostra de Paco Casal, integramente nova, realizada entre os dous últimos anos. Cunha base paisaxística e unha interesante combinación de soltura, intre visual e acrílico, rebordando ás veces na elisión do motivo, deriva na pintura da pintura. Velaquí esta Treboada de verán, que escollín precisamente por esa característica. Paco dilúe as formas temperamentalmente, no concepto máis plasticista, rentes do desdebuxo, da relegación do modelo, para quedar no resume perceptivo que é o sentimento da captación.
Paco Casal é un mestre do toque. O medio acrílico esixe tamén andar vivo de reflexos, dado que seca máis decontado do que, de cara a posibles rectificacións, sería desexable. Hai que ser espelido de ollo, de técnica e de man. Se a iso lle engadimos o tema que adoito escolle, natureza en luz, estamos a falar da mestura de dous dos meirandes retos na representación paisaxística: a fugacidade lumínica e a dificultade de dar co encadre á primeira, tendo que aceptar o milagre informal que os condicionantes externos determinan no vieiro da obra. Eses que entendemos mellor porque calquera de nós pode explicar unha treboada polos efectos anímicos que produce.
Diverxente vontade
Marisa Sobrino, explicando o debruzamento abstracto de Turner, nunha nosa clase na Facultade, en 1985, contáranos que moitas das súas obras mestras foran debidas á diverxente vontade do artista, tras a aceptación de certos condicionantes que lle acaeceran contra o final da súa vida. Noutra, contábanos como Renoir tivo a necesidade de atar o pincel ao brazo, para non render a súa angueira creativa, e traballar case a bosquexo algunhas das mellores obras da súa carreira. J. Manuel López Vazquez, en clase de barroco, explicábanos como unha obra referencial (Os xardíns de Vila Medici, de Velázquez) podía mesmo ter o aspecto dun estudo inacabado, ou dunha obra adiantada ao seu tempo. Os tres anuncian claves da síntese e da abstracción, claves circunstanciais, poéticas, conceptuais, cognitivas, e tan diversas como a propia liberdade que asocia o concepto.
Paco Casal leva xa moito tempo familiarizado con estes retrincos e coas súas escollas. O dilatado perfeccionamento transmíteo agora en pezas dunha inusitada beleza e dunha incuestionable mestría, segundo tamén se lles puido escoitar repetidamente aos asistentes, na apertura da mostra.
Paco Casal resulta engaiolante, carismático, no que atinxe á conexión co público. A eficacia da arte, neste sentido, adoita ser volátil. Pero o seu imán —xa digo— susténtase tanto na sincera asunción dunha práctica continua da proba como nos seus sólidos principios estéticos.
Paco Casal expón a súa obra recente na sala da Casa de Cultura Raquel Soler, na Pobra do Caramiñal, ata finais deste mes de maio.
Contra o edadismo
Xosé Ricardo Losada
Asisto no Pazo de Martelo a unha homenaxe a José María Vicente, descubridor hai cincuenta anos do famoso casco de Leiro, hoxe no museo de Santo Antón. Cando vira a cantidade de personalidades do acto —nove—, temín un empacho. Máis aínda cando seis deles eran arqueólogos, incluída unha xa falecida, Rosa Paz, homenaxeada pola súa inxente defensa do patrimonio de Rianxo. E, por riba, presidiría o acto o alcalde que —non o ides crer—, tamén é arqueólogo. Que queredes que vos diga, e que me perdoe o señor alcalde. O día do acto levei unha alegría cando o tenente de alcalde, que nada ten que ver coa arqueoloxía, comentou que tiña que substituílo por unha leve indisposición.
Pois ben. Ningún empacho. Dúas horas moi amenas con poñentes que expuxeron cuestións arqueolóxicas con coñecemento, pedagoxía, técnicas narrativas de intriga e, sobre todo, entusiasmo. Un entusiasmo aínda máis estimulante pola propia temática, moitas veces considerada, inxustamente, como árida e anacrónica. Un arqueólogo non é, como di o malvado chiste, un pésimo detective que chega miles de anos despois á escena do crime. É un detective que consegue que o morto cobre de novo vida.
E a ese inesperado goce contribuíron os outros poñentes, complementos perfectos do ambiente científico que acababamos de vivir. Tito o Dulseiro, coa súa retranqueira e cómplice coordinación. Manuel Gago, coa narración dunha vivencia persoal que o convertía en protagonista dunha lenda de mouros. E o propio homenaxeado, que se atreveu a lle chamar ao casco, diante daquelas eminencias, o ghorrete.
Pero o que máis me emocionou foi o viúvo de Rosa Paz. Mentres falaba, recordei que Virginia Wolff dicía que era unha marabilla estar casada cun arqueólogo porque, cantos máis anos cumpría, con máis admiración a miraba, e máis a quería. Sei que o viúvo non se emocionou por iso. Pero a min gustoume pensar que si. Que sería moi fermoso estar casado cunha arqueóloga e que, á miña idade, me mirase cada día co crecente entusiasmo co que todos aqueles arqueólogos miraban as mámoas, os petróglifos e o casco de Leiro.
A papoula, esa fráxil eternidade
eme cartea
Efémera, fráxil. Flor que se amosa por entre aloumiños de vento e mil primaveras, coma un segredo vermello que a terra gardaba aflita nos días sen luz. Delicada e discreta —un suspiro abalado ao amencer— abre os seus labios humildes ao sol, coa súa beleza apenas xemada. E, porén, nese intre brevísimo habita o alento fugaz da eternidade.
A súa cor, sangue e vermella memoria de antigos veráns que se foron. En cada papoula agroma o latexo hibernado dunha emoción, que doe como unha promesa esquecida. Un canto, a danza, o clamor abrazado que se abre fermoso e audaz á nostalxia infrinxida.
Un milagre de vida e contida emoción, vulnerable en recantos discretos, entre espigas e amores talvez imposibles que soñan nos lindes da pel tremelante.
Como o amor, naceu sen permiso, afastada de mans e xardíns que a afaguen. E, mentres que a rosa esgrime o orgullo da súa oufanía, ela, solitaria e esvelta, florea espontánea e distante entre meditación e silencio.
Bolboreta aberta que pousa as ás sobre os pétalos suaves das nosas olladas. Con insubornable grandeza. Como un amor. Coma ti mesma!