A discoteca Cantaruxa de Xuño ou o desembarco aliado en Carreira durante a Segunda Guerra Mundial son algúns dos clásicos de Quico
08 abr 2026 . Actualizado a las 05:05 h.A pasada noite Quico Cadaval celebrou un espectáculo para amigos nun local de Santiago. Non había ningún motivo especial, cando menos confeso. Só ganas de celebrar o pracer de contar, velaí estaban con Quico numerosos compañeiros de viaxe: actrices e actores, poetas, profesores, activistas do cultural. Ás veces os públicos parecen máis ben unha familia e este era o caso.
Quico contou algúns dos seus clásicos: a discoteca Cantaruxa de Xuño ou o desembarco aliado en Carreira durante a Segunda Guerra Mundial. Unha característica de Quico é situar as súas historias no Barbanza, e recrearse na microtoponimia dos espazos, nos alcumes de persoas reais e en historias que, pasadas polo cranio privilexiado de Quico, acaban mesturando a realidade do Barbanza con algúns dos grandes relatos da historia universal.
Na boca de Quico, un clásico da mitoloxía grega colle, pasado polo léxico de Carreira e as tabernas da memoria parroquial, unha fasquía de realidade tan grande que ninguén pode dubidar de que tal cousa sucedera. Fiquei pensando que outro creador cultural do Barbanza leva máis polo mundo as historias e as xentes da comarca, e a verdade é que non o atopei.
A arte extraordinaria de Cadaval é oral, e iso dota ás súas historias dunha melancolía especial. Todo isto que escoitamos vaise esvaecendo segundo se pronuncia, pero iso faino vivo e único. Por iso a Cadaval hai que gozalo mentres nos entrega toda esta literatura do aire. No Barbanza deberiamos recoñecer máis este agasallo de home.