Deixen ir os libros

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

SIMÓN BALVÍS

«Un escritor sempre dubida en entregar a obra: sempre hai algo que cambiar ou engadir»

18 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Os libros son coma os fillos. Hai un momento que botan a andar sós e está ben así. Iso será sinal de que están sans e que encaixan no mundo. Se os fillos estiveran sempre baixo a corda e o amparo do disco duro nunca se farían maiores, non achegarían ren e non terían oportunidade de demostrar o que valen. Estes días teño libro novo nas librarías: Ata que os mares sequen. Unha Escocia en clave galega, publicado por Morgante Editora. Nel indago nas conexións entre os nosos dous países atlánticos. Pero non quero facer propaganda del, senón falar de cando hai que deixar que os libros collan o seu camiño.

Un escritor sempre dubida en entregar a obra: sempre hai algo que cambiar ou engadir. E o libro é como un iogur: leva data de caducidade desde o momento no que o fabricas. Se o metes nunha gabeta e deixas pasar os anos, o libro vai perdendo o seu sentido, porque ti tamén cambias. Cústame crer que alguén pense que con vinte e poucos anos vai escribir unha obra mestra, nin en quen traballa con cincel durante tres décadas na súa Novela (así con maiúsculas).

Os libros son dunha época, como os pantalóns de campá ou a roupa de loito que visten agora os adolescentes. Aínda que parezan case inmortais nos andeis dunha biblioteca, cada unha das súas palabras leva dentro a marca dun mes ou dunha estación.

Os libros son duradeiros, pero como a boa arquitectura, son tamén contemporáneos, e só se pode ser contemporáneo unha vez. Se teñen un libro entre mans, déixeno ir. Verán que sabe coidar de si mesmo.