Olegario, o lord de Deán Pequeno

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla IN MEMORIAM

BARBANZA

O sempre elegante Olegario Sampedro
O sempre elegante Olegario Sampedro MIGUEL VILLAR

O xornalista Álvaro Sevilla recorda a figura e o legado dunha persoa irrepetible da que os seus veciños non se esquecerán xamais

03 mar 2026 . Actualizado a las 15:27 h.

Para Olegario, Deán Pequeno era coma unha especie de microcosmos. O mundo enteiro cabía naquel cento de fogares dos que emanaban músicos, deportistas, enxeñeiros, científicos, mestres ou médicos. Deles, aos que veu medrar dende nenos, presumía fachendoso. Aos seus ollos, o noso barrio era o Hollywood de Ribeira, e a avenida de Ferrol, o seu particular paseo da fama. Eu dicíalle que si o planeta cabía en Deán Pequeno, el debía ser o seu lord porque ao seu trato sempre exquisito sumáballe ese estilo británico no vestir, cos seus chalecos, americanas cruzadas, zapatos impecables e panos. Olegario era único, pero na nosa aldea aínda máis.

A primeira vez que lle chamei lord escachou a rir porque, se algo o definía, ademais da súa intelixencia e vitalidade, era o seu bo sentido do humor, que o usaba para trufar as conversas coas anécdotas de tempos pasados. Olegario era experto en recuperar a memoria dos que xa non estaban para mantelos vivos no presente, fose a miña avoa Pepita, José o da Nogueira, a súa sogra Angelita ou mesmo as historias do Totem. ¿Faríao porque sabía que nos reconforta pensar nos que xa non están? ¿Ou porque cando falamos deles volvemos a velos incluso cos ollos pechados? ¿Sería porque coñecía que ser conscientes do paso do tempo axúdanos a ser menos duros co presente?

Ole marchou cedo, demasiado, pero pode que esta dor que sentimos sirva para que o mestre nos ensine unha última lección: incluso os mellores, os extraordinarios, os que sempre abriron as portas aos seus veciños sen distincións, teñen que marchar.

A vida pode ser amarga, absurda e inxusta, pero hai quen sempre camiña por ela cun sorriso, como facía Olegario. Esa si que é unha filosofía de vida a defender. O microcosmos de Deán Pequeno, ese mundo que cabía nun cento de casas, queda sen o seu lord. Non haberá outro igual, pero como en Hollywood, as grandes estrelas nunca deixan de brillar. Na avenida de Ferrol, o noso paseo da fama, aos mellores non os esquecemos xamais.