Ribeira despide a Olegario Sampedro, o mestre que apostou pola conciliación

BARBANZA

Olegario Sampedro foi docente no instituto Número Un de Ribeira
Olegario Sampedro foi docente no instituto Número Un de Ribeira CARMELA QUEIJEIRO

Foi docente no instituto Número Un e o presidente do Instituto de Mediación Educativa de Ribeira (IMER)

26 feb 2026 . Actualizado a las 19:48 h.

Dedicou toda a súa vida a ensinar, tanto dentro como fóra das aulas, e sempre cunha máxima: a conciliación é a mellor forma de avanzar. Ribeira despediu hoxe aos 60 anos a Olegario Sampedro López, un mestre que non deixou de arrimar o ombreiro a todo aquel que o necesitaba. Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación e en Psicoloxía Infantil e Xuvenil, exerceu como profesor no instituto Número Un de Ribeira durante varias décadas, traballo que compaxinaba con outro de terapeuta que levaba a cabo de maneira altruísta para distintos colectivos.

Xa cumprira os 50 cando o ribeirense quixo doutorarse en Ciencias Xurídicas e Laborais e, aínda que nun principio a súa tese ía a versar sobre o estrés laboral e profesional, a última hora decidiu cambiar de decisión e facela sobre mediación educativa. Ese sería o punto de partida do IMER, o instituto de mediación educativa de Ribeira que, co apoio doutros 17 profesionais ribeirenses, nacía no ano 2011 e da que sería presidente.

Este servizo buscou sempre poñer en práctica un servizo de resolución pacífica dos conflitos, que el mesmo ideou para comprobar despois os resultados. A iniciativa, que se implantou en sete centros de Ribeira, foi todo un éxito e foi copiada e recoñecida en distintos países, como Italia, Portugal e Francia. Con todo ese traballo xa feito, Olegario poñía en marcha outra liña de actuación e coa colaboración de PEN Galicia presentou o Proxecto Libertas, unha exposición de fotografías que xiraba en torno a liberdade de expresión e se complementaba cun programa pedagóxico que chegó a máis de 15.000 persoas en Galicia en Portugal.

Xa daquela a enfermidade dera o seu primeiro aviso, pero Olegario plantoulle cara, e saiu con máis forza. O seu obxectivo era seguir traballando e axudando porque «compartir é o que máis me motiva», confesaba. A marcha do ribeirense deixa un gran baleiro en Ribeira e na comunidade educativa, sobre todo nos seus alumnos do Número Un que mañá, ás 11.20 horas, realizarán unha homenaxe na súa honra.

Os restos mortais de Olegario Sampedro serán velados no tanatorio de Xarás, onde mañá xoves, ás 23.00 horas, serán incinerados. O funeral terá lugar o venres, as 12.30 horas, na igrexa de Santa Uxía, para logo enterrar as súas cinzas no cemiterio parroquial.