Esperanza

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Imagen de archivo en la que el sol se cuela en los soportales del Pazo de Raxoi a través de los arcos.
Imagen de archivo en la que el sol se cuela en los soportales del Pazo de Raxoi a través de los arcos. MALENA FERNÁNDEZ

Teño por certa aquela historia do ano 2002 na que o ceo comezou a baleirarse no outono e non parou de chover ata ben entrada a primavera

04 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño por certa aquela historia do ano 2002 na que o ceo comezou a baleirarse no outono e non parou de chover ata ben entrada a primavera. Un neno que nacera a principios de ano mirou para o sol e botou a chorar entre abraiado e asustado. O pobre xa non se lembraba del!

Eu vivín outra historia menos espectacular pero tamén moi ilustrativa. O día que escampou viña da praza do Obradoiro e pasei pola de Fonseca; saíran unhas raiolas de sol un par de horas antes, subira a temperatura dous graos e o ánimo da xente dera un pinchacarneiro.

A rúa estaba chea de sorrisos como nun anuncio de pastas de dentes e ata eu, que non son especialmente agudo en detectar estados de ánimo colectivos, sentín unha enerxía global con tal cantidade de karma que ata o Dalai Lama pediría papas.

A cidade parecía un filme de Walt Disney e só lle faltaba aos varrendeiros bateren os tacóns das botas mentres asubiaban, os paxaros cantaren na fonte mentres se lavaban as ás e os señores con chistera e patillas saudaren ás señoras que paseaban de ganchete (ben, isto último era anacrónico, pero pouco lle faltaba). Neste país tan pouco efusivo o ambiente era como de liberación.

Digo isto como xeito de motivarme a min e tamén para motivarlles a vostedes polo tren de borrascas que aínda nos faltan e coa certeza de que todo isto pasará e ao cabo de dúas semanas nas que brille o sol aparecerán os agoireiros da seca, e o mundo continuará, e vostedes e máis eu botaremos de menos esta chuvia na que hoxe nos anegamos como batracios sen esperanza.