Construír con sentido común é o mellor agasallo que podemos facernos nós e quen veña detrás
06 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O desexo máis importante dunha persoa adulta pode ser poder construír ou mercar unha casa propia. Porén, cando chega o momento de escoller ou proxectar a vivenda, moitas veces non se repara en cuestións tan determinantes como a orientación, a distribución dos ocos ou a relación entre as estancias e as vistas. Estes aspectos, que a primeira vista poden parecer secundarios, condicionan para sempre a vida da casa: inflúen no confort diario, no grao de iluminación natural, na ventilación e no consumo enerxético. Unha boa orientación reduce considerablemente a necesidade de climatización, algo crucial nun contexto no que a eficiencia é xa unha prioridade social.
Aínda hoxe vemos vivendas onde todas as xanelas son practicamente iguais, salvo a do salón ou a dos baños se teñen fachada. Non cumpre a mesma función un oco situado ao norte ca outro idéntico orientado ao sur, ao leste ou ao oeste. Cada fachada recibe unha cantidade de luz distinta ao longo do día e responde de xeito distinto ao frío, calor ou humidade. Deseñala ben é unha necesidade básica que determina o benestar.
Cómpre decidir con criterio onde situar a cociña, que dormitorios deben recibir luz suave da mañá e cales convén protexer da radiación intensa da tarde. Hai que pensar tamén na ventilación cruzada, na protección solar e na relación da casa coa contorna. Detalles aparentemente pequenos que determinan se unha vivenda se converte nun fogar cómodo e eficiente ou, pola contra, nun artefacto incómodo para sempre. Construír con sentido común é o mellor agasallo que podemos facernos nós e quen veña detrás.