O enigma da Croa

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Visita a las excavaciones del Castro da Croa en A Pobra
Visita a las excavaciones del Castro da Croa en A Pobra Concello de A Pobra

«E aquí aparece o enigma. Nunha sondaxe da outra banda do castro, non moi lonxe, aparece cerámica romana, pero non prehistórica»

17 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A presentación á veciñanza dos resultados da primeira intervención arqueolóxica na Croa de Postmarcos, na Pobra do Caramiñal, foi emocionante. O castro, de flamante propiedade municipal, ía falarnos por primeira vez. Conducidos por Lupe Castro, arqueóloga de Tempos Arqueólogos, os veciños coñeceron as sondaxes e evidencias resultantes de quince chuviosos días de traballo. Velaí a considerable muralla, de dous metros de anchura, rechea dos cantos do río Lérez carrexados ata o alto de outeiro. E tamén unha cabana de grandes dimensións con restos cerámicos, como fragmentos de olas enormes e das delicadas xerras tipo Toralla, empregadas durante a Idade do Ferro nas Rías Baixas para os banquetes de cervexa local e viño importado. Porque apareceron tamén evidencias de contacto cos pobos do Mediterráneo. Pero nada de época romana. O castro parecía ter sido abandonado, coma outros do Barbanza, a coincidir coa conquista.

E aquí aparece o enigma. Nunha sondaxe da outra banda do castro, non moi lonxe, aparece cerámica romana, pero non prehistórica. Tégulas, asas de xerras, ánforas, fragmentos pequenos que non permiten concretar máis. Nada de material prehistórico. Convivirían na Croa as culturas galaica e romana, algo moi pouco habitual na nosa comarca? Ou sucederíanse? Unha gran incógnita para a historia do Barbanza. Confiemos en que a Consellería de Cultura, que financiou a intervención, se anime a unha segunda campaña en 2026 que axude a comprender esta apaixonante secuencia cultural.