A lectura que fago de 40 anos de exercicio profesional e das relacións coas Administracións é que somos un país de dar bandazos. Nos 80 todo valía en materia de urbanismo e xestión inmobiliaria; hoxe, pola morea de esixencias —moitas veces absurdas— xa case non compensa traballar. Entre o exceso e o defecto, sempre imos dun extremo ao outro, incapaces de atopar o punto intermedio.
Vin construír dúas casas no mesmo predio con proxectos xemelgos, só co nome cambiado nos planos, para enganar ao Concello. Vin fincas agrandadas no papel para que a casa collese, e planos oficiais fotocopiados con liñas movidas para roubar espazo público. Vin tamén como se aprobaban obras imposibles, como se o papel fose máis real ca terra. Vin tanto que xa comprendo a realidade urbanística actual e iso que agora chaman feísmo, produto dunha cadea de trampas e improvisacións.
Hoxe, pola contra, para un simple trámite no rexistro ou no Catastro, esíxese referenciar cada esquina da vivenda co satélite. Así contado, parecería que toda nova edificación é candidata a premio mundial de arquitectura —retranca—.
Como é posible que en dúas xeracións pasaramos do todo vale a nada serve? Que agora os papistas da norma pretendan máis precisión ca unha máquina, sabendo que tamén van ser enganados? E como foi que hai 50 anos algúns técnicos fixeron a vista gorda?
Coma sempre, o que falta é sentido común. Co territorio xa dixitalizado, non fai falta tanta exactitude: abonda con situar as cousas no plano oficial, actuar con rigor e aplicar a razón por riba do papeleo.