No caso da auga corrente, o asunto chega ao despropósito. Dá igual que gastes cen litros ou mil: o mínimo a pagar equivale a un consumo irreal, imposible de facer nun fogar medio
28 oct 2025 . Actualizado a las 09:38 h.A lectura dun recibo de electricidade, de auga ou de calquera outro fornecemento require máis concentración ca un exame de cálculo e un mestrado en enxeñaría financeira. O custo real do produto consumido adoita ser unha parte mínima do importe total, mentres o resto se reparte en conceptos ambiguos que, digan o que digan, son impostos disfrazados. Algúns son necesarios e comprensibles; outros, puro afán recadatorio.
No caso da auga corrente, o asunto chega ao despropósito. Dá igual que gastes cen litros ou mil: o mínimo a pagar equivale a un consumo irreal, imposible de facer nun fogar medio. Logo vemos como nos enchen de campañas sobre aforro, sobre cada gota que conta e sobre a responsabilidade ambiental, pero a factura desmente o discurso. ¿Como convencer a alguén de pechar a billa se, consuma ou non, vai pagar o mesmo? Así, a mensaxe ecolóxica convértese nunha burla que empuxa ao desperdicio e minora o valor dun recurso esencial, que debería tratarse con respecto e sentido común.
Sería máis xusto e intelixente que cada quen pagase o que realmente consome. Iso premiaría o comportamento responsable, aliviaría o peto e beneficiaría o planeta. O prezo da auga debería educar, non castigar. É urxente que as administracións e empresas concesionarias asuman a súa parte de responsabilidade, revisen as tarifas e aposten por un modelo transparente e equitativo. A cidadanía, pola súa banda, tamén debe esixir claridade e participar activamente neste debate, porque a xestión da auga non é só unha cuestión técnica, senón un dereito básico e un compromiso ético co futuro común.