Moción sen emoción

Ciprián Rivas VELAÍ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O PP recolle no seu seo aos fuxidos

06 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Dixo alguén que as cousas non son como comezan senón como rematan. A presentación da moción de censura coas sinaturas do PP e do PBBI, que se debaterá o día 13 —mal número para un supersticioso— vén a poñer as cousas no seu sitio. O PP recolle no seu seo aos fuxidos. Regresan á casa materna para recuperar o poder perdido. Pero non será igual. Quen estaba xa non está. Está en Madrid. A opa hostil, propiciada por aquel mesmo concelleiro acaba de fundir ao actual goberno de coalición. Aló vai o experimento rompedor de 32 anos de goberno dos da gaivota. O aínda alcalde do BNG declaraba na posta en escena da sinatura do pacto que este cimentárase na xenerosidade, na lealdade e no respecto mutuo e co compromiso de non provocar unha moción de censura. Xa se veu.

Os grandes asuntos da cidade seguen pendentes: ampliación do polígono, terreo para o centro de saúde, circunvalación, nova residencia de maiores, plan estratéxico de turismo, centro de deportes náuticos, nova biblioteca municipal, atención ao mar...

O novo equipo de goberno, que non será novo en puridade nin alleo a estes asuntos, leva tempo en gobernos incapaces de sacar adiante nin un deles, polo que terá que demostrar a validez desta acción para provocar cambios positivos na vida dos ribeirenses. Se non, a moción de censura, converterase na emoción do momento e todo seguirá igual: fotos, roldas de prensa, dicir a todo que si para logo non facer nada, presenza en procesións, xantares subvencionados en pavillóns deportivos e as mesmas caras de sempre que recuperaron as cadeiras de brazos de antano.