Castelao: artista total, persoa universal

Ramón Ares Noal
Moncho Ares RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Carlos López analiza a plástica do rianxeiro nos «Debuxos de negros»

29 sep 2025 . Actualizado a las 15:08 h.

«Recoñezo que me sinto alonxado da raza negra por reparos incoercibles da natureza. Cando en París vexo a unha loira c-un negro xa sei que se trata d-un caso de perversión sexual e o caso da mistura de coor paréceme sempre anormal». «Craro está que non sería capaz de casarme c-unha negra». «Crear mulatos é un siño de decadencia». Son frases textuais de claro matiz racista extraídos do diario de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao que poden desmitificar a figura do rianxeiro se non se indaga máis nas súas notas.

«Todo esto pensaba eu e non nego que a separación de razas coincidía cos meus instintos de pureza e perfección. Pero nos Estados Unidos sentín primeiro unha enorme compasión pol-os negros e máis tarde un desexo de matar a miña repuñancia por eles. Agora avancei máis e sería capaz de trocarme en lider das reivindicacións negras i en defensor d-esta raza». «Agora síntome irmán dos negros», acaba matizando nunha «brutal sinceridade» que caracterizou a Castelao, segundo rebelou Carlos López Bernárdez na presentación do libro Novo diálogo. Achegas á obra plástica de Castelao, con motivo da apertura dun novo curso de presentacións da Asociación Cultural Barbantia que tivo por escenario o auditorio municipal de Rianxo.

 Distintas facetas

No acto, no que o concelleiro de Cultura, Julio Alcalde, deu a benvida e agradeceu que Barbantia siga elixindo a vila para as súas presentacións, os asistentes tiveron ocasión de coñecer novas facetas do máis ilustre rianxeiro, entre elas, algunhas de carácter vitais, como o matiz racista que foi quen de superar, e outras creativas máis aló das sobradamente coñecidas da súa obra, como a súa contribución ás artes plásticas, todo elo por boca de un especialista no pai da patria, Carlos L. Bernárdez, nunha conversa coa presidenta de Barbantia, María Xesús Blanco, e co coordinador da entidade, Xoán Pastor Rodríguez.

Na parte final do acto, a preguntas deste último, o escritor recoñeceu que no franquismo, por razóns obvia do réxime, só podía transcender a figura de Castelao como artista, e lembrou a censura incluso na necrolóxica do seu falecemento, na que se prohibiu facer referencia á súa militancia política; e como cambiou coa chegada da democracia, na que emerxeu a figura clave do galeguismo e o seu pensamento político.

Pero antes de chegar aos momentos postremeiros, Bernárdez explicou o contido do seu volume e como o foi escribindo empregando como punto de partida a colección Debuxos de negros de Castelao, intercalando obras doutros pintores internacionais cuxas creacións teñen similitudes coas do rianxeiro.

 Influencias

Bernárdez tamén se referiu á influencia na súa contribución ás artes plásticas a presenza de Castelao en cidades como París ou Nova York, e, por suposto, no exilio, e como, inicialmente, non foi recoñecido como pintor, especialmente en cidades como Madrid, nas que os galegos asentados na capital non estaban de acordo coa imaxe que a súa obra transmitía dunha Galicia probe e rural, que estimaban superada.

Falar en Rianxo de Castelao non é casualidade, e menos este ano, que se celebra o 75 aniversario da súa morte, polo que foi declarado Ano Castelao, e historiadores como López Bernárdez contribúen a agrandar a figura do galego máis universal.

O escritor recoñeceu que o libro xurdiu por este motivo, pero nunca fixera unha obra sobre Castelao de carácter monográfico, como esta, e escolleu como guía os Debuxos de negros, porque considerou que non estaba analizado desde a perspectiva da historia da arte, buscando un achegamento distinto á obra do rianxeiro e establecendo diálogos con obras que tiñan os mesmos temas no contexto internacional, sobre todo feitas por artistas negros, para formular perspectivas procedentes de creadores de razas distintas.

Precisamente por ser o 2025 o Ano Castelao, Pastor Rodríguez anunciou que en decembro recalará na vila unha exposición de gravados.

Frank Farrapos achega a súa mirada ás «Cousas da vida»

Previamente á presentación mensual de Barbantia, no vestíbulo do auditorio municipal de Rianxo inaugurouse a exposición Castelao a través da miña mirada, de Frank Farrapos. O concelleiro de Cultura, Julio Alcalde, fixo a presentación tanto do autor como da mostra, e sinalou que era un orgullo contar con achegas a Castelao a través de un autor que tamén é rianxeiro «é dicir, dálle un plus porque son obras feitas por un rianxeiro en homenaxe a outro rianxeiro, unha sorte que temos aquí». O edil informou de que estará a disposición do público no horario habitual do auditorio, e cedeulle a palabra a Frank Farrapos explicando que só os artistas poden explicar ben a súa obra: «Eu ou calquera igual podemos empezar un cadro, pero nunca sería capaz de rematalo como o fan os artistas».

O autor dos cadros, Frank Farrapos pasou a explicar a exposición, sinalando que é «unha pequena homenaxe que lle fago a Castelao, baseado na súa obra Cousas da vida». Asegurou que empregou como modelo as viñetas do libro e incluso reproduce os seus textos debaixo de cada cadro «moitos dos cales vemos que están hoxe de plena actualidade, porque falan da inxustiza da xustiza, dos traballos do home... pero lévoas un pouco ao meu terreo dándolle color e vida nos fondos nos que pretendo reflectir o texto, porque el pintaba en plano e en branco e negro, e eu intentei homenaxealo dándolle color á súa obra.

 A mostra estará a disposición do público ata o 19 de outubro