O paso de peóns

BARBANZA

MARTINA MISER

Meu brazo, como se fora inevitable, álzase cun xesto co que agradece a amabilidade por deixarme pasar cando era o único coche que ía pola estrada

03 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Faltan poucos segundos para as sete da mañá cando cruzo a rúa para entrar no ximnasio. Uns días, apenas hai coches pola estrada. Outros, invisto un minuto en atopar onde deixar o meu, un tempo que xa me parece excesivo, pero iso é defecto do animal.

Unha vez aparcado, baixo, collo a mochila e poño rumbo aos ferros. O ximnasio é un lugar testosterónico, pero no que un pode encontrar un xeito de liberarse das tensións da rutina. Antes de poñerme coa hipertrofia, sitúome ao borde do paso de peóns.

Primeiro miro a un lado e despois miro ao outro. Vexo que se achega un vehículo. Escoito como as revolucións van baixando ao tempo que tamén descende a velocidade. Co coche totalmente parado, dou o primeiro paso. Co camiño iniciado, forzo o contacto visual co condutor. «A onde irá?», pregunto para os meus adentros. É probable que a traballar.

Acto seguido, meu brazo, como se fora inevitable, álzase cun xesto co que agradece a amabilidade por deixarme pasar cando era o único coche que ía pola estrada. Sen máis, as revolucións do motor volven a subir ata que o turismo se perde por Cimadevila.

Cando son eu o que pilota, gústame recibir ese tipo de ademán por parte dos peóns. Tamén adoro encontrar un oco no que aparcar ao lado da casa. Reconfórtame espertar e ver mensaxes no móbil. Amante das pequenas cousas, como me di meu Pepito Grillo particular.

Amante, dende logo, aínda que a mellor forma de chamalo é agradecido. Nos días de choiva, nos de sol, nos divertidos e nos de bágoas creo que sempre hai que levantar a man cando che deixan cruzar.