Félix Triñanes faleceu aos 74 anos cando estaba pescando
12 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Naceu ao lado do mar, nun almacén de salgadura en Portomouro. Traballou varios anos de maquinista naval, logo construíu unha cetaria de mariscos e rematou a súa singradura coa súa afección de toda a vida: o facho. Nunca entendeu como esta arte está prohibida e, en cambio, está permitida o buíz ou buitrón. É unha técnica que poucas noites se pode practicar, é ecolóxica e moi respectuosa coas especies. Estes días, cando buscabamos o seu corpo, sentíamos as contradicións ou paradoxos da vida humana, cantas veces, ao seu carón, buscabamos sollas e agora estas parecían dicirnos aquí non está.
O seu apego á pesca e ao mar foron unha constante no seu devir profesional e afeccionado, sempre tivo un barco que el mesmo patroneaba con grande pericia, e se ías ao seu domicilio atopabas recordos de moitos países. E logo, se visitabas o santua santorun da súa paixón, contemplabas un habitáculo con 48 canas de pescar armadas para ser usadas, impolutas, perfectamente aliñadas a un lado e outro dunha mesa, coma a dun notario, con anzois, xiratorias, plomadas e todos os utensilios para ter as canas sempre a punto, mesmo un estufa durante o inverno para que os carretes tiveran a temperatura adecuada. Nun lugar destacado a primeira cana que comprou en Xapón, un santuario que hoxe respira soidade e tristura.
Cando un desaparece, como no seu caso, notas o aprecio e cariño dos seus veciños. Durante estes longos nove días a veciñanza de Abanqueiro percorreu mar e praias na súa busca. Apareceu lonxe, pero a súa familia sentiuse arroupada pola parroquia e polas Administracións que non escatimaron esforzos. Hoxe imaxino a Caronte na proa da súa barca deixando a Félix manexar velas e temón para chegar a carón dos seus. Que a terra che sexa leve e os ventos sopren ao teu favor, Félix.