Repítese a historia

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Imaxe de arquivo do Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro
Imaxe de arquivo do Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro XUNTA

10 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia é un vasto océano no que nós, como individuos, somos apenas unha pequena onda. Hai 30.000 anos, os nosos antepasados deixaron a súa marca na Cova Eirós, converténdose nunha referencia clave da prehistoria galega. Cerca de 15.000 anos máis tarde, outros grupos prehistóricos plasmaron as súas expresións artísticas nos teitos da cova de Altamira, en Cantabria.

Estas expresións artísticas, separadas por miles de anos e centos de quilómetros, son testemuños de como a humanidade, desde tempos inmemoriais, buscou deixar un rastro, unha conexión coa súa existencia e co mundo que habitaban. Nos seus trazos, vemos o reflexo de sociedades que, a pesar de estaren separadas por milenios, compartiron a necesidade de expresarse, de comunicar e de transcender o tempo.

Ámbalas dúas civilizacións compartían un obxectivo: utilizar o tempo libre para imprimir nas pedras os seus soños e esperanzas, representando os animais que desexaban capturar para alimentarse. Este acto de debuxar non era só unha actividade recreativa, senón que tiña un fondo significado espiritual. A arte rupestre convertíase nun ritual necesario, unha forma de intentar capturar a alma dos animais salvaxes antes de enfrontarse a eles na vida real, buscando asegurarse o éxito na caza.

Anos despois, os celtas consideraron esas pedras lugares de culto, onde se rendía homenaxe á natureza. No século XXI hai individuos que fan pintadas nas pedras, pero non é un ritual para sobrevivir, senón para facerse o gracioso. Son urbanitas coa barriga chea, puros ignorantes.