«O obxectivo de '+Cuñados' é que o público estea unha hora e media rindo»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

JAIME OLMEDO

O noiés Luis Avilés Baquero estreouse no eido da comedia coa segunda parte do afamado filme

28 abr 2024 . Actualizado a las 19:49 h.

Coñecido especialmente en Barbanza polas súas curtametraxes e os seus documentais, o cineasta de Noia Luis Avilés Baquero asume nesta ocasión un novo reto. É o director de +Cuñados, a segunda parte da comedia cen por cento galega que tanto éxito tivera no 2021, en plena era covid. Por vez primeira, asume o mando dun filme chamado a espertar as risas dos espectadores e, á espera do que ocorra nas salas, amósase satisfeito co resultado.

—Como foi a estrea?

—Pois teño unha sensación moi boa. Nas estreas nas que estiven presente, a xente escachou de risa, que era o que estabamos buscando, así que, misión cumprida.

—É complicado asumir unha segunda parte dunha película con tanto éxito como foi Cuñados?

—Si, porque o listón está alto. Se se fixo esta segunda parte foi porque a anterior funcionou moi ben. Ademais, é a primeira vez que se fai unha segunda parte dunha película en Galicia. Con todas esas circunstancias enriba da mesa, non me podía negar a dirixir este proxecto.

—Que foi o que o animou a asumir o reto?

—Eu xa vira a primeira parte e gustárame. Non é habitual ver unha comedia no cinema galego e iso pareceume interesante. Tamén quería probarme a min mesmo en territorios que non coñecía e traballar con xente nova, neste caso con Portocabo. Unha historia nova, un guión novo, un equipo novo... Retos interesantes.

—Cales son os puntos fortes da película?

—Penso que a aqueles que viron a primeira e teñen unhas expectativas non os vai defraudar, porque +Cuñados é aínda máis dinámica, transcorre nun caos maior, cos personaxes tremendamente disparados. Iso, xunto co humor da historia e as interpretacións dos actores fai que sexa unha secuela que lle fai xustiza á primeira. Para aqueles que non viron Cuñados, esta segunda parte é unha comedia que ten a pretensión de facer rir; pero é elegante, non cae no vulgar.

—É ese o obxectivo do filme, facer rir?

—O obxectivo de +Cuñados é que o público estea unha hora e media rindo, que durante ese tempo se esqueza do mundo que hai fóra.

—Que foi o máis difícil deste proxecto?

—Foi atopar o xeito adecuado de planificar a película. Son un director que sempre levo os deberes preparados e gústame ter planificada cada secuencia. Neste caso, a comedia fíxome ver que non é necesario ter todo tan atado, porque hai un xogo previo á rodaxe, no que os actores propoñen cambios, que é fundamental. Adaptarme ás súas suxestións foi un proceso moi interesante e fixo que a película medrara.

—Sería unha rodaxe tremendamente divertida...

—Estivemos constantemente partíndonos de risa. Quen coñeza a Fede Pérez, Miguel de Lira e Touriñán saberá que iso é inevitable. A risa contaxiosa estivo constantemente presente no traballo e iso vaise notar na película.

—Que reto se marca con este filme?

—As películas fanse para que funcionen, para que as vexa moita xente e para que gocen delas. Quero que a xente se divirta con este filme e que teña o mellor percorrido posible.

—Ve posible superar o éxito da primeira parte?

—A primeira marca o camiño, e esta garda dela os personaxes e a historia, pero en certa medida son películas distintas, porque esta está máis disparada, é máis rápida e aberta. Penso que ten máis forza porque se apoia no tumulto, pois transcorre no entroido de Ourense e tivemos secuencias con máis de douscentos figurantes.

—Foi esta película o reto máis importante da súa carreira?

—Cada traballo supón un reto. Cando fixen a serie do narcosubmarino foi difícil, porque non tiña nin idea de narcotráfico. Son propostas que se es unha persoa temerosa igual non aceptas, pero eu non lle temo a nada porque confío en min e apóiome no meu equipo. O mellor é estar rodeado de xente con talento.

«A miña máxima aspiración é ter continuidade no traballo, rematar un proxecto e ter outro na mesa»

Posúe un importante currículo, no que mesmo figuran tres premios Mestre Mateo, pero Luis Avilés segue tendo como máxima aspiración traballar no cine, un soño feito realidade.

—Houbo algún traballo que deixara en vostede unha pegada especial?

—Todos os proxectos son especiais. Gardo bos recordos da miña primeira película, A Subela, con Xosé Manuel Olveira, Pico; de Retornos, e da primeira longametraxe con Vaca Films, que estaba despuntando. Tamén de documentais como Os días afogados e Idénticas. Foron proxectos que me aportaron moito a nivel humano.

—Está agora con algún proxecto?

—Estou traballando desde o 2019 en Mar, xunto a César Souto e a produtora Sintagma. É un documental sobre un emigrante senegalés que vive en Portosín, que é mariñeiro e árbitro de fútbol. Estamos tratando de conseguir os medios para ir a Senegal rodar.

—Traballa diferentes xéneros e temas, ten algunha preferencia?

—Non fago distincións, porque cada proxecto é un mundo. Fago igual unha curta que unha longa, pois cada xénero ten as súas particularidades e constitúe un reto diferente. Se o proxecto me entusiasma dáme igual en que categoría se encadre.

—Influíron Noia e a súa estreita vinculación co cine no feito de que acabara sendo director?

—Sempre me gustou o cine e nas fantasías que tiña de neno quería dedicarme a isto. O que máis me influíu foi o apoio da miña familia, pois facer cine en España, en Galicia e en Noia é moi complicado. Cando eu comecei incluso era unha loucura.

—Que lle queda por facer?

—A miña máxima aspiración é ter continuidade no traballo, rematar un proxecto e ter outro enriba da mesa, pois nesta profesión hai temporadas de grande incerteza e tes que estar sempre reinventándote. Veño de rematar unha serie de ficción para a tele, Ghuasapp, e gustaríame facer un proxecto similar para algunha plataforma e tamén asumir máis películas. Estou preparado para todo o que veña.