Patacas no forno

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

31 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Non debe ser doado escribir un programa electoral, pero seguro que é bastante máis sinxelo que redactar para o Diario Oficial de Galicia. Estes documentos teñen pouco ou ningún crédito, porque neles non asina ningún interventor e sempre pasa algo que escusa de cumprilos. Aínda así, eu son partidario de lles botar sempre un ollo.

Un xeito de ver a política actual é imaxinar cada tema coma o xogo da pataca quente, onde todo o mundo se pasa a todo correr un cachelo recén saído do forno que queima nas mans. Para conseguir algunha solución cómpre manter a pataca quente en circulación o maior tempo posible ata que alguén tome unha decisión. Pero amiga, como a pataca caia ao chan de seguido sae outra do forno que ocupará toda a nosa atención.

Por iso é importante ver cantos cachelos, balocas ou mesmo patacas bravas se filtran aos programas electorais. Son un excelente indicador do peso que teñen os comités locais e comarcais dos partidos ou mesmo os candidatos das listas. Así sabemos que cousas consideran ineludibles que deben estar, ben por convicción ou porque saben que se non as inclúen van ter serios problemas a vindeira vez que entren no bar.

Teño curiosidade por saber como aparecerán o Barbanza e a Costa da Morte nesta colleita de programas. Que se prometerá de xeito explícito, non nas vagas políticas xerais sobre o mar ou a pesca.

Porque o mundo do mar atópase agora mesmo nunha especie de trebón perfecto. E para conseguir paralo, o único xeito é ir sacando as patacas do forno.