O bombo metrónomo

Francisco Ant. Vidal
FRANCISCO ANT. VIDAL LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

BERNARDO CODESIDO

13 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Había aquí, nesta bisbarra, un grupo de gaiteiros que participaba en case todas as festas, para o que se bastaban con un conxunto de pezas que non superaba a media ducia, pero en certa ocasión os da comisión pedíronlle que desen un pequeno concerto na hora do vermú, e tocaron todo o repertorio recibindo aplausos en todas e cada unha das interpretacións, pero cando remataron coa última, cos aplausos os veciños pediron un bis, tan insistentemente que, os gaiteiros, a quen non lles parecía ben iso de repetir o que xa tocaran, miráronse indecisos, e entón o director do grupo resolveu: «A primeira pero máis cargada de bombo». E aquela primeira, con un ritmo máis lixeiro xa parecía outra.

Lembrábamos esta anécdota o día que asistimos á presentación dun grupo formado por dous gaiteiros, un tambor e o bombo, cando o líder foi presentando a cada un dos compoñentes que, ó modo dun conxunto de rock, facían unha demostración de virtuosismo en canto oían o seu nome; e ó final, no momento de presentar á rapaza do bombo, referiuse a ela como «o noso metrónomo». A que marca o ritmo.

Porque o que é metrónomo como tal, esa peza que vemos en todos os conservatorios e clases de música, non foi patentado ata o 1815, co que os músicos, ata esa, só podían poñer nas partituras esas palabras italianas que indican a velocidade ou tempo das notas como presto, allegro, moderato ou adagio, por exemplo, para indicar se había de ser lenta ou rápida a súa interpretación, o que sempre presentaba a dúbida de canto de rápido ou lento tiñan que correr os dedos sobre o instrumento. E entón apareceu o invento baseado nun simple péndulo que varía o seu ciclo segundo sexa de larga a distancia marcada por un contrapeso que se desliza sobre unha barra vertical, un artefacto que non chegaron a coñecer músicos tan famosos como Mozart, Bach ou Vivaldi, co que nunca saberemos se as súas partituras son tocadas como eles as pensaron ou como a nós nos parece.

Quen si o coñeceu foi Beethoven, que empezou a usalo sen entendelo moito, co fin de que ninguén lle trastocase as composicións, e así comezaron a aparecer nas súas partituras as indicacións de cantos pulsos por minuto debía marcar o moderno aparello para que as pezas fosen ben interpretadas.

O problema presentouse cando comprobou que o instrumento viña sen libro de instrucións, e o contrapeso, de forma trapezoidal, tanto podía marcar o número serigrafiado por arriba como por abaixo. Así que o músico, dubidando entre indicar un ou outro, inclinouse por anotar a medida inferior, onde o trapecio tiña máis forma de punta de frecha. A diferencia entre un e outro lado do mesmo podía ser de 12 golpes por minuto (bpm). E por iso, aínda hoxe, os directores de orquestra, cos modernos metrónomos electrónicos, aínda dubidan de cal é a velocidade correcta desas pezas ou se aqueles primitivos metrónomos estaban ben axustados.

O caso é que soe ben, coma cando os gaiteiros tocan unha marcha, que segundo sexa nunha procesión, no acompañamento dun cadáver ou para darlle entrada á noiva no salón de cerimonias, o bombo-metrónomo terá que adecuarse. Máis lenta, máis triste, máis rápida, máis alegre.