Paredes e muros constitúen a superficie máis visible da paisaxe urbana
17 dic 2023 . Actualizado a las 20:20 h.A pel, en forma de paredes e muros, é a superficie máis visible das cidades. Ao igual que a pel humana, a súa función principal é protexer o interior do corpo habitado. A pel muda co tempo, e por iso a paisaxe urbana das vilas e cidades históricas que habitamos é hoxe esencialmente unha creación contemporánea. O cal non significa, naturalmente, que non existan construcións de tempos anteriores, elementos singulares a protexer, pois permiten unha lectura visual das diferentes capas que conforman a pel da urbe actual.
Materiais dispoñibles e clima actúan como factores condicionantes da paisaxe construída dende a antigüidade. De aí que nestas xeografías atlánticas, pedra e madeira son os materiais que forman a pel das cidades históricas. A madeira e a cachotería en granito eran os materiais utilizados na maioría das vivendas de tradición medieval, contrastando coa boa cantería para a maior parte dos edificios nobres, igrexas, pazos ou hospitais. O lume, un fenómeno frecuente, conduciu a unha progresiva substitución da madeira por un aparello máis sólido como a abundante pedra. O proceso de petrificación foi un proceso lento, aínda que significativo. O canteiro é o seu executor, utilizando técnicas varias para levantar o muro: perpiaño e cantería, as máis perfectas; pallabarro e cachotería as menos coidadas.
Protexer esa pétrea pel adopta solucións diversas. O inimigo principal dos muros é a auga. Contra os seus negativos efectos o revocado e posterior encalado ou pintado dos aparellos de menor calidade foi a solución maioritaria. Só naqueles muros máis expostos ao vendaval chovedor acudiuse a solucións enxeñosas, como recubrilos con piche, con tella ou con cunchas de vieiras. Hoxe materiais sintéticos cumpren esa función.
Precisa coidados
Pero á parte de protexela, a visible pel precisa de coidados. Por iso, o revocado en branco dos muros en cachotería adoptouse tamén como unha solución estética. Durante o século XIX ponse énfase na simetría, nos adornos de portas e ventás, e na separación de plantas a través de resaltes na fachada. Mentres se cubría a cachotería, os elementos realizados en boa pedra de cantería quedaban á vista, remarcando as liñas mestras da edificación. O branco converteuse así na cor distintiva da pel das nosas vilas e cidades históricas.
Previamente, a loita contra a mortífera pestilencia preindustrial conducira xa ao encalado xeneralizado das fachadas. O encalado con función hixienista cubriu de branco incluso aqueles edificios construídos en bos perpiaños de granito. Ese foi o costume durante centos de anos.
O cambio de tendencia sucede na primeira metade do século XX e consolídase logo no franquismo. A pedra comeza a asociarse coa riqueza e a solemnidade. A moda da pedra vista, polo prestixio que achega ese material, ademais de ser unha solución máis económica, fixo repicar as fachadas para dar visibilidade á pedra. Pero quitar o revoco para deixar á vista pedras do aparello de mala calidade é unha moda que supón, na maioría dos casos, unha desnaturalización do edificio. A fachada perde todo o carácter compositivo que outorga a presenza calculada da cantería. Por iso, os Plans de Protección dos recintos históricos inciden en recuperar a primitiva pel coa que foi concibida a edificación. Facelo supón un respecto á historia da cidade e, igualmente, unha operación estética que concede vitalidade ao edificio, permitindo o resalte daqueles elementos compositivos máis salientables. Pero, ademais, trátase dunha solución máis sustentable, na liña actual de lograr unha maior eficiencia enerxética, pois evita humidades incómodas para o corpo habitado e mellora o seu illamento térmico.