O poder da ficción

ROMÁN ARÉN O ANDEL

BARBANZA

MARCOS CREO

Hotel Carioca é unha importante novela galega de Antón Riveiro Coello, e non pola súa monumentalidade, senón polo dominio técnico das voces narrativas

16 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hotel Carioca é unha importante novela galega de Antón Riveiro Coello, e non pola súa monumentalidade, senón polo dominio técnico das voces narrativas, pola perfecta urdime e conexión de argumentos, pola profundidade dos temas tratados e polo xogo de subxéneros ao servizo dun único texto: novela de aprendizaxe, narrativa policial, metanovela sobre o xénero e o poder redentor da ficción, novela familiar e confesional. Omnisciencia, metalepse, segunda persoa, son estratexias para amosar o agochado, o que non queremos ver, a redención e a aceptación. Os esquecidos, os diferentes, os descoñecidos toman agora protagonismo.

Helena, alter ego do narrador total, quizais do autor implícito, le unhas cartas, que inventa, á súa avoa, para facer presente o fillo do Brasil do que se quer ocultar a morte. Unha nova realidade, mais que non esquece a posible verdade. Emigración, homosexualidade, amizade, sexualidade… ao servizo da novela total.

Naturalmente, o bo estilo, moi traballado, xa llelo coñecían os lectores. Bo xogo coa realidade temporal, un uso perfecto da segunda persoa narrativa que logra facer converxer no final, fan que esta novela poida compararse con outras do autor: A esfinxe de amaranto, Laura no deserto e As rulas de Bakunin. Novela de novelas.

«Hotel Carioca»

Antón Riveiro Coello

Galaxia (Vigo, 2023)

592 páxinas