O problemón

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Belén del Obradoiro con un nuevo Niño Jesús
Belén del Obradoiro con un nuevo Niño Jesús XOÁN A. SOLER

Cando visito museos con coleccións de arte medieval ou do Antigo Réxime, sempre me divirto vendo como afrontan o «problemón».

Así lle chamo eu a representar o neno Xesús. Aos artistas debíalles entrar un aquel de respecto (ou medo) a pintar ao Fillo, así que en moitos casos os xesuses resultan figuras horrorosas cun intrigante parecido a certo boneco famoso no cine de terror.

Superar con nota o traballo de pintar un neno Xesús separa os grandes da pintura do resto. Decateime en Sevilla, cando logo de ver infinitas virxes co neno, batín coas obras de Murillo e díxenme: isto é outra cousa. Podíase facer, pero non se sabía, non se quería ou non se podía.

Pois non se rían, ao Barbanza pásalle o mesmo nos mapas antigos do reino de Galicia. En xeral, chama moito a atención como os cartógrafos non conceden moita relevancia ás rías: represéntanas como esteiros. E de aí que as penínsulas das Rías Baixas parezan case comarcas do interior.

Todo o máis, conceden ao litoral do país un lixeiro avance cara o oeste do cabo Fisterra, e logo veña para dentro. No Royaume de galice de Nicolas de Fer (1708), a nosa península é coma un tixolo; no pioneiro mapa de Oxea (1634), o benquerido frade pinta en paralelo dúas badías cara o oeste, mirando as dúas para o Océano: a de Corrubedo e a badía da Pobra.

O mapa de Moñino (1784) engorda a gusto a península cara o norte e mete no medio a ollo a serra do Barbanza, que parece o mundo perdido de Conan Doyle. E así todo, ata chegarmos case ao mapa de Domingo Fontán (1834), que si crava a xeografía barbancesa. Velaí outro grande, pensei.