A cunquiña

Laura Ríos
Laura Ríos RIBEIRA

BARBANZA

Chocolate, Reyes y roscón en Razo, Carballo
Chocolate, Reyes y roscón en Razo, Carballo BASILIO BELLO

06 sep 2023 . Actualizado a las 10:40 h.

Cando era pequena estaba obsesionada con facerme maior. Agora que volven as tendencias dos 2000 doume conta de que todo aquilo que relacionaba coa idade adulta non eran máis que un determinado aspecto físico e o feito de poder aforrar cartos e facer o que quixese con eles.

Nin estou boísima, nin me choven os homes, nin son cantante internacional, así que supoño que me toca conformarme con iso de meter os cartiños no peto. Coa pouca lucidez que unha poida ter cando apenas supera a vintena, gústame mirar atrás e reparar en todos aqueles momentos nos que me quixen facer a maior mercando algo.

Vénme á memoria unha pequena lembranza. Estou nun autobús nalgún lugar indeterminado no norte de Portugal, nunha desas excursións que fan as asociacións de veciños de por aquí para visitar o país luso e que todo o mundo veña cargado cun montón de toallas e mantas que seguramente non precisa. Pois nunha desas, nunha tenda de cerámica, reparei en dúas cunquiñas de barro adornadas con letras brancas que chamaron a miña atención.

Non sei se son cousas da miña cabeza infantil ou da inflación galopante que sufrimos dende hai anos, pero o certo é que penso que aquelas dúas peciñas custaran un total de seis euros, unha ganga tendo en conta a desbordante ilusión que lle ía facer ao meu pai velas cando as levara para a casa.

El, sorprendido de que a súa filla de 6 anos lle regalase algo no seu aniversario, sempre tivo o detalle de lembrar a anécdota e utilizar unha daquelas cuncas cando quería tomar chocolate. Agora que a súa ausencia enche a casa, decátome de que o que lle sabía era o xesto, e non o cacao.