A do bikini

Laura Ríos
Laura Ríos A XANELA

BARBANZA

El consumo de frutas y verduras están en la base de una dieta indicada para la hipertensión.
El consumo de frutas y verduras están en la base de una dieta indicada para la hipertensión. iStock

03 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ir de compras cando non tes unha talla 40 pode ser unha especie de xincana macabra na que che toque embutirte en camisetas incriblemente pequenas ou soportar as miradas de pena allea das persoas que che acompañan, que non saben se consolarche ou facer chistes sobre o asunto co obxectivo de quitarlle peso.

Peso, esa é a palabra que marca a vida das persoas gordas. Cando non es unha modelo de revista as túas visitas ao médico, xa sexa porque che doe a cabeza ou tes estrés crónico, sempre adoitan acabar cun «tes que poñerte a dieta», pero non é tan sinxelo. Para diminuír o número que aparece na báscula o primeiro é preguntarse que o provoca, cal é o motivo que nos leva a perder o control comendo.

Quizais debamos preguntarnos se o momento de sentar na mesa só e pasarse ao servirse un desbordante prato de pasta é o único momento que temos de relaxación ao longo do día, se é o único no que nos permitimos fallar porque sempre existe a posibilidade de facelo mellor ao día seguinte.

A saúde é un elemento complexo, unha realidade de 360 graos coa que é moi fácil encherse a boca falando. Para ter un corpo san o primeiro é abrir a tapa do cocote e eliminar aquilo que nos conduce a ver os alimentos non como unha fonte de enerxía e gozo, senón como unha pedra engadida á mochila de preocupacións que marca o noso día a día.

O importante durante este proceso de autodescubrimento é darse tempo e, sobre todo, a oportunidade de poñer esas saias, pantalóns curtos e bikinis que nunca puxeches porque tiñas barriga.