Darío Filgueira: Un boirense tralos subtítulos en galego de Netflix

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

carmela queijeiro

Estreouse como tradutor da plataforma norteamericana coa primeira tempada da serie «Emily en París»

02 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Seguro que aínda son moitos os que descoñecen que a plataforma de entretemento audiovisual por excelencia, Netflix, ofrece a posibilidade de ver un bo número de series e películas en versión orixinal con subtítulos en galego. A recente incorporación desta opción fixo que un feixe de tradutores entraran en acción. Foi o caso de Darío Filgueira (Boiro, 1992), que conseguiu superar con éxito o duro proceso de selección, con catro exames e dúas semanas de formación, que fixo a empresa norteamericana para elixir aos encargados de escribir e colocar na pantalla os diálogos na lingua de Rosalía.

Con este traballo para Netflix, o boirense asegura que está onde sempre quixo cando empezou na Universidade de Vigo os estudios de Tradución e Interpretación, que completou cun máster no eido multimedia. Pero chegar á cima do sector non foi doado: «Vivir desta profesión é complicado, porque agora hai moitos profesionais e o traballo é precario». Pasou por esa fase en Madrid, onde desembarcou para facer as prácticas e onde se viu obrigado a alternar encargos de diferentes empresas.

O complicado comezo

Foi un período duro: «Para un dos clientes facía textos sobre a montaxe de vías de tren. Eran documentos moi técnicos que entrañaban unha gran responsabilidade, pois unha equivocación podía ter importantes repercusións». Tamén tivo as súas recompensas, como un traballo para Microsoft e outro para Ikea, pois Darío Filgueira foi o encargado de redactar o primeiro catálogo en galego desta firma.

A grande oportunidade, para este boirense e para os seus compañeiros de profesión, chegou cando as grandes empresas apostaron polo galego. Foi entón cando xurdiu a proposta de Netflix, compañía na que o barbancés entrou pola porta grande, traducindo a primeira tempada da serie Emily en París: «Foi o reto más grande que tiven que afrontar ata o de agora, pero estou moi orgulloso». Engade que tamén foi interesante a tradución dos diálogos das Tartarugas Ninja, de películas bélicas ou os encargos nos que está mergullado agora, tramas policiais.

Traballar para Netflix é, segundo o boirense, un luxo e non só polo recoñecemento internacional que posúe a firma: «A plataforma que ten para as traducións funciona moi ben, é coma se conduciras un Ferrari, porque o noso traballo tamén consiste en fusionar subtítulos ou en programar os momentos nos que teñen que entrar e saír os textos».

Máis alá das cuestións técnicas, Filgueira destaca, como a parte complexa da súa profesión, enfrontarse aos xogos de palabras: «Ás veces é case imposible salvalos. Os chistes que nun idioma funcionan, noutro igual non teñen graza e hai que facer encaixe. É un reto que resulta moi interesante a verdade».

A estabilidade que acadou a nivel laboral e ter un traballo que non require dunha infraestrutura importante permitíronlle ao boirense regresar á súa vila natal trala estancia en Madrid: «Volvín para gañar calidade de vida, non é o mesmo traballar fronte a unha fiestra desde a que estou vendo o mar que facelo encerrado entre catro paredes».

Soños por cumprir

Desde esa xanela soña con seguir asumindo retos que lle resulten interesantes. Aceptaría cos ollos pechados a tradución de Os aneis do poder —«sería un regalo divino»— ou de A casa do dragón: «Sería estupendo que o galego chegase a Xogo de tronos». Pola contra, ten claro cales son os encargos dos que fuxiría, os da telerrealidade: «A colocación dos subtítulos é un inferno, porque falan tan rápido que non hai forma de situar tantas palabras na pantalla en tan pouco tempo».

Seguir traballando para Netflix é nestes intres o seu obxectivo, aínda que Darío Filgueira leva un tempo tratando de compatibilizar a faceta de tradutor coa de escritor. Estreouse con varios relatos curtos e agora está mergullado na confección da súa primeira novela. Tamén colaborou cun fotógrafo no lanzamento dunha publicación fotoliteraria sobre o corpo. O boirense explica que a autoficción é a súa temática predilecta á hora de escribir: «Sempre se di que a miña xeración vive nunha eterna melancolía e eu quero desprendernos cos meus textos da soidade e deses medos do tempo que nos tocou vivir».

Formación. Estudou Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo e cursou alí un máster de tradución multimedia.

Tese pendente. Comezou a súa tese investigando os motivos polos que as grandes empresas non traducían ao galego, pero abandonouna cando a tendencia mudou.