Poesía do absoluto

Román Arén

BARBANZA

Mallarmé é máis que tipografía

25 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O gran poeta que foi Mallarmé (1842-1898) levou a poesía francesa á perfección, máis alá da tiranía do alexandrino, nunha obra que comezou na impasibilidade e o antisentimentalismo dos parnasianos con Un coup de dés (1897; 1914), previos Igitur (1870) e A sesta dun fauno (1876). O xiro poético foi copernicano, aínda que logo se intentase a escritura automática, ou o caligrama, ou os magníficos xogos tipográficos e de palabras de e. e. Cunmings. Novidades tipográficas que viñan de Mallarmé, e contaban xa con antecedentes moi antigos.

Mallarmé é máis que tipografía, que brancos e intervalos, é un experimento radical onde as palabras xa non dependen do real. Son unha relixión sen deus, de moi difícil descifrado malia os miles de comentarios críticos.

Eme Cartea, cun profundo coñecemento do francés e do galego, pon na nosa lingua un clásico, un cumio da poesía universal. Faino co seu acerto tradutor, mais tamén como glosador e editor.

A tradución tivo unha primeira edición en Barbantia. Anuario de Estudos do Barbanza e agora ofrécesenos unha versión mellorada. Unha tradución que é un fito máis no camiño de verter no galego a Bertrand, Baudelaire, Rimbaud, Verlaine, Reverdy, Max Jacob, P. J. Jouve…

Unha tradución que pon remedio a unha eiva do sistema literario galego que tiña máis de cen anos. Epílogo moi intelixente de Fidel Vidal, autor tamén da ilustración da capa.

«Stéphane Mallarmé: Un coup de dés»

Edición e tradución de Eme Cartea

Medulia (A Coruña, 2023)