Esther F. Carrodeguas, a dramaturga rianxeira nomeada nos Premios Max de teatro

Celia Riande García
celia riande RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Cedida

A rianxeira aspira ao prestixioso galardón pola súa obra «Supernormales»

17 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O seu nome comezou a sonar con forza na comarca barbancesa no 2011, cando a rianxeira Esther F. Carrodeguas tomaría as rendas da histórica compañía teatral Airiños, que lideraría durante case dez anos ata que as súas numerosas facetas profesionais obrigaron á dramaturga a tomar o que ela considera como «unha das decisións máis duras» da súa vida ao pasar o relevo desta gran responsabilidade. Ademais desta experiencia profesional, Carrodeguas é unha recoñecida creadora, produtora e directora dos seus espectáculos a través da súa propia compañía, ButacaZero.

Agora, a dramaturga é recoñecida cun nomeamento aos Premios Max de teatro 2023 na categoría de mellor autoría teatral pola obra Supernormales, escrita durante as residencias no Centro Dramático Nacional, e que tivo unha excelente acollida na escena madrileña. «A verdade é que é unha sorpresa total porque, aínda que si que é certo que a peza tivo impacto en Madrid, que é onde se creou, sempre pensas que hai moitísima xente que fai pezas moi boas. É un nomeamento forte, estanche dicindo que algo estás a facer ben», celebra Esther F. Carrodeguas.

Investigación escénica

A obra, Supernormales é, como a define a súa autora, unha investigación escénica sobre as violencias exercidas sobre o colectivo de persoas con diversidade funcional, pero pon o foco na súa sexualidade: «Eu sempre comento que calquera persoa cunha discapacidade é difícil que teña traballo ou amizades, pero si a levas ao ámbito do sexo aínda é moito máis complexo, as imposibilidades do que é cotiá para o resto de persoas vese moito máis».

Neste sentido, a rianxeira reflexiona sobre como se silencia un tema que as persoas con diversidade funcional están empezando a facer visible: «Moitas veces consideramos a este sector da poboación como asexual de forma inconsciente, non chegamos a contemplar que senten desexo como todo o mundo».

Ademais da súa faceta como creativa, a rianxeira é tamén empresaria, xestionando a súa propia compañía teatral, ButacaZero, responsable de títulos como Papagena ou Na butaca: «Cando eu decidín mudar o meu rumbo e empezar a facer teatro como modo de vida, foi unha decisión conxunta, tamén de parella, de argallar a nosa propia plataforma de creación. Empezou un pouco coma un xogo, pero seis ou sete anos despois teño que asumir que teño unha empresa e o que significa á hora de cabalgar e compaxinar o meu papel como creadora, pero tamén como produtora independente».

Aínda que a dramaturga adore o seu traballo, o certo é que non sempre resulta doado compatibilizar todas as súas obrigas laborais: «Acabamos de meter a unha persoa como produtora porque, como digo sempre, a empresa son eu. Eu son a xefa que berra e tamén quen lle leva os cafés, son auxiliar e son bolseira...», admite entre risos Esther F. Carrodeguas, quen tivo que tomar decisións máis ou menos difíciles para poder compatibilizar as súas facetas profesionais dun xeito máis cómodo. «A idea é que eu sexa máis creadora e a parte administrativa a poidan levar outras persoas, pero non sempre é doado o quebracabezas económico, e moitas veces tes que seguir traballando para empresas externas para poder sacar adiante unha empresa cultural, algo que non é sinxelo».

En canto á súa escolla de deixar o relevo da dirección do grupo de teatro afeccionado Airiños, a rianxeira admite que foi unha decisión que tomou por non poder prestarlle a atención que, ela considera, precisaba esta entidade: «Tal e como eu o entendo, ao teatro amador, de espírito comunitario, hai que mimalo moito, dun xeito diario. Empezáronme a empatar as datas e o mesmo día que tiña unha función con Airiños, había outra da miña compañía propia, e non me parecía xusto que xirasen sen a presenza dunha directora».

Con todo, asegura Esther, a relación que ten co grupo teatral non pode ser mellor: «A relación é estupenda, están xirando unha peza miña e son unha airiña máis, unha metomentodo que sigue dando a súa visión».