Esther Carrodeguas, Terra de Outes e Clodio González, premios Barbantia da cultura

Ramón Ares Noal
Moncho Ares RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Esperanza Mara, Centro Arqueolóxico do Barbanza e Manuel Caamaño, novas incorporacións para a edición do 2021

13 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O acto de peche de ano de Barbantia xa ten protagonistas. Trátase de Esther Carrodeguas, da Asociación Cultural Terra de Outes e de Clodio González Pérez, que son os galardoados cos premios Sereo que concede cada ano a entidade para recoñecer a traxectoria e a iniciativa cultural no Barbanza e a mesma contribución no ámbito galego.

Foron os socios de Barbantia os que elixiron aos tres adxudicatarios da imaxe de Sargadelos que identifica ao colectivo, o sereo, nun proceso de votación do que xurdiron, así mesmo, outros tres candidatos para concorrer á edición do 2021. Trátase da soprano Esperanza Mara, do Centro Arqueolóxico do Barbanza e do escritor noiés Manuel Caamaño. Estes competirán con Enrique Paisal e Ana Blanco, no eido da traxectoria; coa Cofradía da Dorna e o Museo Valle-Inclán, na iniciativa; e con Manuel Olveira e Sonia Lebedynski, no apartado da cultura galega.

Gala de entrega

A gala de entrega vaise desenvolver o vindeiro sábado 19 no centro sociocultural e auditorio de Rianxo, ás 12.30 horas, e será presentada polo comunicador Duarte Galbán. Tendo en conta as normas de seguridade vixente, as persoas que desexen asistir teñen que reservar localidade ata o xoves 17, na conta de correo electrónico auditorio@concelloderianxo.gal.

Precisamente a situación pandémica que estamos a vivir obriga a Barbantia a limitar os actos propios desta data, na que tamén se celebraba un xantar de confraternidade, que non se desenvolverá. Pero o que non vai faltar é a presentación da publicación Barbantia. Anuario de estudos do Barbanza, que acada o volume número 16.

Dende que hai 14 anos Barbantia instaurara os premios Sereo, leva recoñecidas a 39 persoas ou entidades que traballan a prol da cultura, ás que hai que engadir a Carrodeguas, Terra de Outes e Clodio González, que nesta edición impuxéronse a Enrique Paisal e Ana Blanco; á Real e Ilustre Cofradía da Dorna e ao Museo Valle-inclán; e a Manuel Olveira e a Sonia Lebedinsky, que terán unha nova oportunidade a finais dun 2021 que todo o mundo espera menos convulso.

Un agasallo para os socios no que colaboran recoñecidos barbanceses

Os socios de Barbantia van poder facerse coa publicación coa que, dende hai 16 anos, a entidade agasalla aos seus fieis integrantes, o «Anuario de estudos do Barbanza». A publicación deste ano consta de 360 páxinas nas que se poden ler achegas de todos os estilos e temáticas escritas por recoñecidos barbanceses, como Xosé Ricardo Losada, Antón Rodríguez Gallardo, Manuel Mariño del Río, Antonio González Millán, Patricia Torrado Queiruga, Natividade Rey Ordóñez, Manuel González Vidal, Ezequiel Lago Mallo, Pilar Sampedro, Pili Pereiro, Francisco Antonio Vidal Blanco, Xoán Pastor Rodríguez, Emilio García Portosín, Xesús Santos e Margarita Fernández. A todas estas colaboracións hai que engadir as seccións de resumo do ano e a listaxe de socios.