21 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Por deformación profesional, cando paseo polas rúas voume fixando en todos os detalles das fachadas, e un dos máis rechamantes é o das baixantes de auga dos tellados e os canlóns previos a pé de faldrón. É para escribir un libro, pola variedade e pola mente retorcida dos creadores de algunhas solucións.

Ata hai uns 50 anos, o normal era facelos de zinc ou de cobre, logo chegou o plástico (PVC), e recentemente incorporouse o aluminio de cores, cuxa forma imita unha cornixa. Este último é o peor de todos, sobre todo nas baixantes, que se esmagan con calquera impacto, incluso premendo cun dedo ao interior. Pero é o que máis lle gusta a moita xente, tamén porque son os máis baratos.

Os de plástico van desaparecendo pouco a pouco, pola ideoloxía contra os plásticos, que impide que se sigan fabricando. E os de cobre xa non se recomenda colocalos porque para os ladróns deste metal son un botín doado de conseguir. Quédanos o zinc como a alternativa máis elegante e duradeira, que nin se esmaga nin o rouban.

No oficio de colocalos tamén hai moita arte e moito artista. Dende a baixante totalmente vertical, como rezan as boas prácticas da construción, ata solucións orgánicas que van pegándose como lapas aos distintos elementos da fachada, e que no caso do aluminio ao ser fácil facerlle curvas, máis parece un circuíto de competición que unha solución construtiva seria. E logo veñen os problemas, e logo as fachadas enchóupanse de auga porque non funcionan as baixantes, e producen ruídos raros que non nos deixan durmir. Convídoos a pasear polas rúas mirando estas obras de arte.