Que nos pasa co cocido?

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

El menú de cocido de Casa Rosinda, en todo su esplendor.
El menú de cocido de Casa Rosinda, en todo su esplendor.

09 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa lles teño falado o outro día do furor por saír comer fóra no que estamos metidos. Moito dan de si os cartos aforrados na pandemia! Eu hoxe quero traer a estas páxinas un asunto fundamental: o cocido. Que raio nos pasa co cocido?

O cocido foi sempre un prato dominical e familiar. E aínda que en Lalín levan moitas décadas a voltas, o certo é que esta bacanal de porco e grelos é cousa dos últimos anos. Chega a fin de semana e toda a mediana idade galega está disposta a atravesar o país se fai falta para despachar en mancomún cacheiras, chourizos ceboleiros, lacóns e diferentes escusas vexetais. Logo, unha semana de austeridade mahometana e xa estamos para outra.

Recoñezamos que o invento é redondo. Para os restaurantes, o cocido debe ser o prato máis rendible: elaboración mínima, todo se aproveita e grupos dispostos a pagar o que, hai dez anos, polo mesmo prato, sería inconcibible. Para os comensais, moi mal ten que ir a cousa para non saír cun sorriso beatífico provocado polo subidón de proteína, graxas, azucres filloeiros e regadío de tinto galaico. Así que todos ganamos neste festival do umami —o sabor de sabores xaponés— á galega.

Á nosa comarca cústalle sumarse a este furor gastronómico polo cocido. Recoñezamos que no tema carnes, polo xeral, xogamos ao despiste. Teño visto amigos do interior sufriren ante estes nosos cocidos caseiros que parecen unha primeira cita de First dates. Está claro que non podemos ser os mellores en todo. Cando menos, nas filloas estamos á altura.